Máis de 12.000 pontevedreses non traballan por coidar enfermos, discapacitados ou maiores
Por Alejandro Espiño
Os recortes en dependencia levaron a moitos fogares pontevedreses a unha situación límite. E é que segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), 12.200 persoas da provincia de Pontevedra non poden traballar porque teñen ao seu cargo o coidado de nenos ou de adultos doentes, discapacitados ou maiores. Delas, unha ampla maioría, un 96,7%, son mulleres. En concreto, 11.800 pontevedresas.
A elas, hai que sumar as 35.500 persoas que, segundo este mesmo estudo, non poden buscar traballo por outras responsabilidades familiares ou persoais. De novo, neste caso, son as mulleres as que máis se fan cargo desta situación. Son 31.300, polo tanto, o 88,16% do total.
Son as dúas principais situacións que alegan, a maioría dos considerados "traballadores inactivos", é dicir, aqueles que, estando apuntando nas listas de desemprego, non buscan traballo. Son, na provincia de Pontevedra, un total de 353.600 persoas, das cales 209.600 son mulleres e o resto, 143.000, son homes.
As razóns para esta inactividade van desde o feito de estar afectados por un expediente de regulación de emprego e non poder traballar aínda noutra empresa (900 persoas), de estar xubilados ou prexubilados (78.800 persoas), por estar estudando ou recibindo algún curso de formación (37.600 persoas) ou por enfermidade ou incapacidade persoal (41.500 persoas).
Aínda que tamén os hai que lle botan máis "morro". 11.600 pontevedreses, dos cales 7.400 (o 63,76% do total) son mulleres, aseguran non buscar traballo porque cren que non o atoparán.