Interceptan 103 quilos de cocaína ocultos nun colector de plátanos no Porto de Marín
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional interviñeron 103 quilos de cocaína no Porto de Marín ocultos nun colector de plátanos procedente de Colombia.
Durante a operación policial, iniciada o pasado mes de xullo, detivéronse catro persoas como presuntas responsables da planificación, envío e recepción da droga, que se atopaba en varias mochilas camufladas no interior de cinco caixas de froita, e practicáronse rexistros en domicilios nas localidades pontevedresas de Pedre e A Illa, ademais dun terceiro en Madrid e outro máis nunha empresa situada en Ribadumia.
Segundo informa a Policía Nacional, dous dos arrestados contaban con numerosos contactos en Colombia para proverse da droga e en Galicia para introducila máis tarde, comezando a investigación cando os axentes tiveron coñecemento de que un dos principais investigados, un español con antecedentes por feitos similares, planeaba o envío de cocaína mediante o método do 'gancho cego' a través do Porto de Marín.
Este envío, sinala o corpo de seguridade, era unha proba para mandar posteriormente unha maior cantidade de droga en contenedores e ofrecer así aos seus compinches seguridade á hora de extraer e sacar a sustancias estupefacientes do porto.
A Policía seguiu os pasos dos agora detidos, que organizaron o envío desde o porto colombiano de Turbo, no país sudamericano e tamén en España, nun encontro en Madrid.
Dentro desta investigación cercioráronse de que, na última fase da operación, un dos cidadáns colombianos viaxou ata Pontevedra para manter contacto co seu compinche galego e con outro español encargado de manter os contactos directos cos traballadores do porto.
Tras recompilar toda a información, o pasado luns 25 de novembro os axentes procederon á inspección do colector obxecto da investigación, onde comprobaron que levaba os precintos duplicados dos orixinais. Tras proceder á súa apertura os funcionarios descubriron entre as caixas de plátanos diversas mochilas de cor negra que gardaban no seu interior uns vinte paquetes de cocaína en cada unha delas.
Trala incautación da droga os investigadores procederon á detención das catro persoas implicadas, unha delas en Madrid e o resto en Galicia.
A investigación foi desenvolvida por GRECO Galicia e a Brigada Central de Estupefacientes, ambas pertencentes á UDYCO Central da Comisaría Xeral de Policía Xudicial, en colaboración coa Axencia Tributaria.
Relacionadas:
-
Fiscalía pide 38 anos de prisión para os catro detidos por introducir 100 quilos de coca nun cargamento de bananas
Por Redacción |
-
Un agasallo de 'cumpleaños' con cocaína sorpresa
Por Redacción |
-
As bananas do alixo de cocaína de Marín rematan en Cáritas
Por Natalia Puga |
-
Localizan no porto de Marin 120 quilos de coca nun colector de bananas procedente de Costa Rica
Por Natalia Puga |