Adxudican tres proxectos para mellorar a calidade de vida dos barrios de San Roque, A Parda e Monte Porreiro
Por Redacción
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, anunciou este venres a adxudicación de "tres proxectos esenciais para embelecer, dinamizar a vida social e mellorar a calidade de vida dos barrios de San Roque, A Parda e Monte Porreiro".
En concreto, o edil socialista comunicou que o Concello de Pontevedra investirá un importe superior aos 200.000 euros "nunha serie de agardadas actuacións que se porán en marcha nas vindeiras semanas: en concreto, as obras de renovación integral dos parques do Campo da Torre e Maruxa Mallo e de creación dunha pista multideporte no da Praza de Europa".
Así, neste novo lote de intervencións dirixidas á mellora de espazos verdes e á dotación de zonas de lecer infantil inclúese o orixinal proxecto deseñado polo arquitecto pontevedrés Víctor Hermo para a principal praza do barrio de San Roque, no que se combinarán estruturas de xogo, descanso e encontro veciñal, formuladas mediante a integración de elementos naturais como a madeira, o arboredo ou a plantación dunha árbore.
Segundo explicou Iván Puentes, a obra, que tamén contempla a restauración e posta en valor da fonte existente, "conta cun orzamento de 88.886 euros e foi adxudicada á empresa Zona de Obra O Rosal SL, que ofertou unha baixa do 15,10% sobre o tipo da licitación, así como diversas melloras".
No caso do parque Maruxa Mallo, situado nas inmediacións do Conservatorio e do Centro de Saúde da Parda, trátase dunha actuación de mellora integral cun orzamento de 63.885 euros e que inclúe a restauración de elementos existentes, como o sistema de rega, a renovación dos camiños, a creación de zonas de estancia, a instalación de novo mobiliario, o incremento do arborado e a dotación de zonas de confort con sombra, cunha proposta paisaxística a base de planta arbustiva e de tempada variada.
A execución dos traballos foi adxudicada á empresa PreZero, que ofertou unha baixa do 14,14% sobre o tipo da licitación, así como diversas melloras en mobiliario, varandas e pavimentos.
No que atinxe á intervención que permitirá dotar ao parque da Praza de Europa dunha pista multideporte, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible lembrou que "se trata dunha demanda dos veciños, que contarán cun espazo no que poderán practicar fútbol, baloncesto ou balonmán". A obra conta cun orzamento de 53.805 euros e foi adxudicada á empresa Garocaprim SL, que ofertou unha baixa do 10% sobre o tipo da licitación, así como diversas melloras en mobiliario".
Relacionadas:
-
Comezan as obras de construción dunha zona de lecer 'verde' en Campo da Torre
Por Álvaro Arosa Barco |
-
O PP propón un plan de humanización no barrio da Parda
Por Redacción |
-
Inicio escolar con estrea de parque infantil nas Palmeiras
Por Redacción |
-
Este é o proxecto de reforma do Campo da Torre que entra en fase de contratación
Por Redacción |
-
A nova pista polideportiva da Praza de Europa estará lista a principios de 2022
Por Redacción |
-
Melloras paisaxísticas e de seguridade para o Parque Maruxa Mallo, antes de 2022
Por Redacción |