González Formoso sobre a morte no PAC de Baltar: "non pode ser que unha persoa faleza por falta de recursos na sanidade"
Por Natalia Puga
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, lamentou este xoves a morte dunha muller en Sanxenxo "por falta de medios para que chegara ao centro hospitalario". Fai referencia ao caso destapado por PontevedraViva dunha muller que faleceu o pasado 6 de agosto no punto de atención continuada de Baltar, en Portonovo.
O líder socialista referiuse a este caso este xoves na Coruña e lembrou que na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés este verano houbo "ocorrencias" como a de ofrecer pisos aos médicos de fóra para que traballaran alí na tempada estival, sendo "parches" que non atallan o problema en orixe.
Lembrou tamén que o seu partido creou un grupo de expertos no sector sanitario que chegou á conclusión de que os problemas que xeraron o colapso da sanidade en Galicia son, principalmente, unha patente falta de recursos, a "desmotivación" dos sanitarios e listas de espera en especialidades e, por primeira vez, en atención primaria.
No caso de Sanxenxo, considera que a Xunta "desapareceu", xa que no Sergas non admiten citas ata setembro para aquelas persoas que teñan algún tipo de doenza. Deste modo, deixan aos profesionais e aos cidadáns "desprotexidos e abandonados" a pesar de que a poboación da zona aumenta "considerablemente" no verán. Considera que a actitude do goberno galego é "neglixente".
Formoso non quixo focalizarse só nesta zona, xa que insiste en que os problemas existen en todas as áreas sanitarias, polo que considera preciso un aumento do investimento para evitar que volva a suceder en calquera punto do territorio galego.
O secretario xeral do PSdeG engadiu que "non pode ser"que un usuario teña que esperar ata 14 días por unha cita telefónica co seu médico de cabeceira ou que non teña un diagnóstico do médico nas primeiras 48 horas tras encontrarse enfermo, tal como reclaman os socialistas.
Tamén ve "inviable" que nunha zona como Sanxenxo non haxa ambulancias suficientes e sinala que "non pode ser que unha persoa faleza por falta de recursos na sanidade".
Relacionadas:
-
O PSOE reclámalle á Xunta os contratos dos médicos aos que lles puxeron piso en Sanxenxo este verán
Por Redacción |
-
O PSOE de Sanxenxo denuncia ante a Fiscalía a situación "deleznable" do PAC de Baltar
Por Oskar Viéitez |
-
O Sergas di que a paciente do PAC de Baltar chegou morta e dúas horas despois de chamar ao 061
Por Natalia Puga |
-
Sanidade sinala que non detectaron "criterios de gravidade" na muller que morreu en Baltar tras negarlle unha ambulancia
Por Natalia Puga |
-
Denuncian a morte dunha muller no centro de saúde de Baltar despois de negarlle unha ambulancia
Por Natalia Puga |
-
O Sergas destaca a calidade asistencial no centro de saúde de Baltar e a oposición asegura que "está peor que nunca"
Por Redacción |