O anticipo da vendima acelera a contratación de xornaleiros e a compra de uva
Por Oskar Viéitez
Coa previsión de que as adegas das Rías Baixas empecen en setembro coa vendima o mercado empezouse a animar nos últimos días. A Denominación de Orixe Rías Baixas aspira a alcanzar os 41,3 millóns de quilos.
Por exemplo, proliferan as ofertas de emprego para contratar temporeiros para a recollida da uva. O que antes era un labor familiar profesionalizouse e agora recórrese a man de obra especializada, aínda que a gran demanda existente de peóns fai que se teña que recorrer a xente en paro.
Ás cuadrillas de xornaleiros que manexaba cada adega e as habituais ofertas das empresas de traballo temporal súmanse agora os chamamentos nas redes sociais aos interesados e que estes se poñan en contacto coa adega. Este traballo está a pagarse de sete euros a hora, máis o seguro.
Tamén son habituais os anuncios de compra de uva. As alturas están a ofrecer entre 40 e 50 céntimos máis por quilo respecto ao ano pasado cando se pagou a uva a unha media de 1,84 euros o quilo. Este ano xa hai algunha adega asinando contratos a 3 euros, non é o caso das grandes cooperativas. Este incremento de prezos débese a que queda pouco viño en adega o que fai que algunhas marcas estean dispostas a pagar máis e tamén que hai adegas que están en pleno proceso de expansión.
Neste contexto resulta moi atractivo o anuncio de poxa que acaba de publicar a Deputación de Pontevedra para a colleita de uva albariña e outras variedades brancas da leira do Castelo de Soutomaior. Esta emblemática leira, propiedade da institución provincial, conta cunha explotación vitivinícola desde o ano 1984 que ocupa unha superficie de máis de catro hectáreas das 30 coas que conta todo o complexo histórico e patrimonial.
A adega adxudicataria levará a cabo a vendima na mesma veiga do castelo e encárgase tamén do traslado da uva. O único criterio de adxudicación que se ten en conta é a poxa máis alta partindo dun prezo mínimo establecido. Este ano, a poxa da Deputación iníciase cun tipo de saída de 1,25 euros por quilo de uva albariña e de 0,95 euros para as outras variedades brancas (IVE incluído).
Prevese que a colleita pode alcanzar os 12.000 quilos de uva entre albariño e variedades, case 5.000 quilos menos dos recolleitos no 2021 (16.800 quilos).
Relacionadas:
-
Recollen preto de 17.000 quilos de uva nos viñedos do Castelo de Soutomaior
Por Redacción |
-
A vendima en Rías Baixas chega ao seu ecuador con máis de 34 millóns de quilos de uva recollidos
Por Redacción |
-
A viña presenta "boa saúde" de cara á vendima
Por Redacción |
-
A vendima adiantarase este ano polas altas temperaturas do verán
Por Redacción |
-
Rías Baixas estima que esta vendima poderíanse recoller uns 41 millóns de quilos de uva
Por Redacción |