As freguifestas continúan a vindeira fin de semana en Ons
Por Redacción
O programa de freguifestas do Concello de Bueu chegará a vindeira fin de semana á Illa de Ons. A pasada fin de semana celebrouse a Freguifesta de Beluso, que tivo lugar no Parque Joe Novas e homenaxeou ás Mozas e Mozos de Beluso, un colectivo que traballou pola recuperación das verbenas e das festas nesta zona. Na cita da vindeira fin de semana tamén están programadas actividades musicais e unha homenaxe á veciñanza.
O programa comezará o sábado. Entre as 19.00 e as 22.00 horas poderase ver a proxección continuada do vídeo resumo da Freguifesta 2021, e xa pola noite, actuará o Dj Pedro Campos.
O domingo será o día grande. Ás 11.00 horas presentarase o libro Até aquí podo contar. A fala da illa de Ons, que vén de publicar a editorial Chan da Pólvora coa colaboración do Concello de Bueu.
No acto intervirán José Manuel Dopazo Entenza, veciño bueués e autor da obra; Francisco Fernández Rei, membro numerario da RAG e catedrático da USC; e Antón Lopo, editor de Chan da Pólvora. Esta publicación recolle de forma divulgativa un estudo da fala da Illa de Ons e acompáñase de fotos históricas que tamén se expoñerán en tamaño grande ese día.
A partir das 11.30 h haberá unha ruada con Mariachis Noche de Ronda e Trébede, e xa ás 12 horas terá lugar a homenaxe veciñal polas festas a Adrián Ferrer Reboiras, Estrella Pérez Porto e Iván Pérez Porto.
Ademais, pola posta en valor de Ons, vaise recoñecer á poeta Míriam Ferradáns Ferradás e a Tino Pardellas de Blas “Tinón”.
A continuación, serán os oficios relixiosos na honra de San Xaquín e o grupo Trébede poñerá a música e o baile tradicional. A festa rematará ás 17 horas coa actuación do grupo Cantometrics.
Na programación colaboran a Asociación de Amigos e Amigas de Ons, veciñanza do lugar, a parroquia de Ons e o Parque Nacional das Illas Atlánticas.