Festas patronais en Santa María A Maior de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Este luns a parroquia de Santa María a Maior de Pontevedra celebra as súas festas patronais, coa solemnidade da Asunción da Nosa Señora.
Ás 12.30 horas tivo lugar a misa solemne na Real Basílica co protagonismo de varios nenos que recibiron a súa Primeira Comuñón e que tamén participaron na procesión pola Avenida de Santa María.
Os festexos en honra da Virxe coinciden en tempo coa celebración de San Roque, en quen buscou refuxio e protección os pontevedreses durante os episodios de peste bubónica da Idade Media, razón pola cal lle dedicaron unha capela no curso baixo do río Gafos, preto dun hospitaliño onde se atendía a aqueles que daban síntomas de padecer este tipo de enfermidades tan altamente contaxiosas. Aínda hoxe, cada 16 de agosto, tribútaselle a este santo una das romarías máis populares de cantas celébranse no centro de Pontevedra.
O martes 16 haberá misas ás 9:00 e 10:00 horas na Capela, ao termo das cales a imaxe do santo trasladarase á Basílica, para ser venerada xa na misa das 11:00 horas. A misa de festa será ás 20:00 horas, seguida de procesión que discorrerá polo seguinte itinerario: Avenida de Santa María, Mestre Mateo, Praza de España, Xeneral Martitegui, Concepción Arenal e Paseo de Colón, recolléndose na Capela de San Roque.