O alumnado do Centro de Arte de Sanxenxo inaugura un mural no mercado de abastos
Por Redacción
Un mural no que aparecen representados os sectores primarios, pesca e agricultura, enche de luz desde este mércores una das paredes de entrada do mercado de abastos de Sanxenxo.
Os alumnos adultos do Centro de Arte municipal son os autores da pintura “O noso mar”, unha auténtica homenaxe á pesca e horta cunha obra de 6 metros de longo e 2,50 de alto inspirada na obra do pintor Luís Seoane.
A concelleira de Educación e Cultura, Paz Lago, acompañada do edil de Economía e Persoal, Marcos Guisasola; da directora do Centro de Arte, María Vázquez; do presidente dos placeiros, Egidio Barral; e de alumnos inauguraron a pintura esta mércores con gran expectación por parte dos clientes da praza.
“Quero agradecer a disposición dos alumnos a cumprir con este encargo que fai posible que o mercado conte con este mural que enche de cor e talento este espazo e dá visibilidade ao seu traballo”, indicou Lago.
Na mesma liña, sinalou que non se descarta que sigan realizándose colaboracións deste tipo noutros departamentos municipais e mesmo no propio mercado.
Un total de 19 alumnos participaron no mural que realizaron nun prazo de mes e medio. A directora do Centro de Arte explicou que se buscaba realizar unha obra polivalente que se puidese ampliar e mesmo mover. “Está feito con esmalte e sobre madeira o que permite movelo e mesmo amplialo. Empregáronse cores vivas para dar corido ao mercado e ou resultado é moi bo”, dixo. As pinturas de Luís Seoane foron os referentes para realizar este mural. “Non reproduce o seu traballo, pero si a base da que partimos”, sinalou.