Santa María a Maior prepárase para as súas festas
Por Redacción
O vindeiro luns, 15 de agosto, a parroquia de Santa María a Maior de Pontevedra celebrará as súas festas patronais. Farao coa solemnidade da Asunción da nosa Señora.
Debido a iso o sábado 6 deu comezo unha novena en honra á Virxe, con misas que veñen celebrando ás 11:00 e ás 20:00 horas na Real Basílica e que se prolongarán o propio luns 15 co día grande das celebracións.
Esa xornada grande terá lugar unha Misa Solemne ás 12.30 horas na que na recibirán a súa Primeira Comuñón varios nenos de parroquia e que estará seguida de procesión pola Avenida de Santa María.
Estes festexos coinciden ademais no tempo coa celebración de San Roque, que o día 16 ocasionará unha romaría na pequena capela do barrio pontevedrés do mesmo nome, unha capela dedicada na súa honra pola protección aos pontevedreses durante os episodios de peste bubónica da Idade Media, e que está situada preto dun hospitalillo na desembocadura do Gafos onde se atendía a aqueles que daban síntomas de padecer esta enfermidade.
No seu caso a novena en honra a San Roque deu comezo o xoves 4 de agosto. En canto ao propio día 16, están previstas misas na capela ás 9:00 e 10:00 horas, ao termo das cales a imaxe do santo trasladarase á Basílica para ser venerada na misa das 11:00 horas. A misa de festa será ás 20:00 horas, seguida de procesión que discorrerá por Avenida de Santa María, Mestre Mateo, Praza de España, Xeneral Martitegui, Concepción Arenal e Paseo de Colón, recolléndose na Capela de San Roque.