Organizan un vermú astronómico solidario para apoiar á moza Elnaz Osmani, astrónoma afgana
Por Redacción
Este domingo celebrarase en Vilaboa un acto de solidariedade científica internacional, a través dun vermú solidario. Todo coa intención de axudar á moza de 17 anos, Elnaz Osmani, unha astrónoma de Afganistán. Esta estudante formouse no mundo da Astronomía e a Astrofísica autoeducándose a través de internet. Por esta aprendizaxe foi perseguida no seu país.
Agora, grazas á colaboración das redes sociais, principalmente a través de colectivos de mulleres que queren axudala, esta nova e a súa familia será acollida en Sobrado dos Monxes, a través do apoio da asociación de mulleres rurais A Maristel.
Coa intención de obter fondos económicos para que Elnaz Osmani consiga as pasaxes e poida asentarse no mosteiro da Coruña, organízase este vermú astronómico solidario durante o domingo 14 de agosto, ás 13.00 horas, no chiringuito Deilán Praia, situado en Barciela, en Vilaboa.
O evento contará cunha charla de astronomía; unha observación con telescopio solar; sorteo de libros e fotos de astronomía; ademais dunha comida e un mercado solidario. As persoas interesadas poderán achegarse ata o local e participar de maneira gratuíta nas actividades solidarias.
Neste evento colabora a Asociación Mulleres de Vilaboa, e tamén outros colectivos e institucións como a Universidade de Vigo; Fundación Ceo Ciencia e Cultura; Sociedade Galega de Historia Natural; Agrupación Astronómica Coruñesa Ío; Ceos Galegos; a astrofísica Ana Ulla e artistas como Carmen Villar, Rita Landeiro e Miguel Fraile.