Detidos catro membros do clan grovense de "Os Rositos" dedicado ao tráfico de drogas e branqueo de capitais
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detivo a catro membros do clan grovense de "Os Rositos", un grupo criminal dedicado ao tráfico de drogas e branqueo de capitais no sur de Tenerife.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, as detencións producíronse no marco da operación "Xabarín". A investigación iniciouse a finais do pasado mes de maio polos axentes da Sección Fiscal e Fronteiras do Aeroporto Reina Sofía en Santa Cruz de Tenerife.
O detonante foi a presenza no sur da illa de Tenerife de varios membros deste "clan histórico do narcotráfico afincado no Grove". Estes individuos viaxaban continuamente desde Santiago de Compostela ata Santa Cruz de Tenerife.
Tamén interviñeron outras unidades do Corpo do Grove e do Aeroporto de Lavacolla que conseguiron reunir as probas suficientes para posteriormente proceder á identificación, localización e detención dos dous irmáns supostos "xefes do clan" que se desprazaban a Tenerife continuamente, en unión doutras dúas persoas integrantes do grupo criminal, os cales se encargaban da cobertura loxística.
Durante a entrada e rexistro, previamente autorizada pola autoridade xudicial competente, realizada na vivenda dos xefes do clan, os axentes da Garda Civil aprehendieron un total de 1.379, 3 gramos de cocaína, 14,2 gramos de marihuana, 613,3 gramos de haxix, 26,6 gramos de heroína, 399, 1 gramo de substancia de corte, así como unha pistola Taser de 890.000 voltios, 610 euros en efectivo, dúas básculas de precisión, seis teléfonos móbiles de alta gama e numerosos útiles de corte.
A investigación foi dirixida polo Xulgado número 1 dos de Granadilla de Abona ante o que foron presentados os catro detidos xunto coas dilixencias instruídas.