Alfonso Rueda destaca a mobilidade sustentable no Salnés na visita á senda peonil en Vilanova
Por Redacción
Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, visitaba este martes Vilanova de Arousa para comprobar os avances dos traballos de humanización e creación dunha senda peonil no tramo da PO-549, entre o municipio vilanovés e Vilagarcía de Arousa.
O presidente autonómico destacou a aposta do executivo galego pola construción destes espazos peonís seguros e cualificou á comarca do Salnés como área de referencia en mobilidade sostible. Afirmaba durante a visita que se segue traballando nesta liña para realizar obras que permitan desenvolver este obxectivo de mellorar os desprazamentos individuais.
Esta iniciativa desenvólvese nun percorrido peonil integrado ao longo de 3,27 quilómetros. O investimento ascende a máis de 1,1 millóns de euros. As obras comezaron na primavera deste 2022 e está previsto que finalicen durante os primeiros meses de 2023.
Unha vez finalizada a obra será posible percorrer un itinerario completo a pé entre Cambados, Vilanova e Vilagarcía, ademais do municipio da Illa de Arousa. Esta senda beneficiará a 70.000 veciños da zona que, segundo o presidente galego, contarán coa posibilidade de realizar os seus desprazamentos habituais de forma alternativa ao uso do vehículo particular.
O executivo galego tamén traballa na creación dun novo itinerario entre Caleiro e Vilanova. Este proxecto cun orzamento de 1,3 millóns de euros atópase sometido, na actualidade, a información pública.
Rueda visitaba Vilanova acompañado por Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e polo alcalde do municipio, Gonzalo Durán.