O conselleiro do Medio Rural desvela que "hoxe pola noite volvemos ter nove intentos de prender lumes"
Por Oskar Viéitez
O conselleiro do Medio Rural, José González, volveu a apelar á concienciación cidadá fronte aos incendios e os incendiarios tras constatarse "claros indicios de intencionalidade" en varios lumes rexistrados a semana pasada.
"Hoxe pola noite volvemos ter nove intentos de prender lumes", dixo o conselleiro. "Pola noite non hai medios aéreos, non hai tormenta seca, non había preto liñas de eléctricas e por tanto, detrás, claramente, está a man do home", sentenciou.
Por iso, a Xunta apela á colaboración cidadá "para que sexan o máis prudentes posible" e lembra que está ao dispor da cidadanía o teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade incendiaria delituosa da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. O mes pasado houbo 120 chamadas a este teléfono e algunha delas abriu liñas de investigación, segundo desvelou o conselleiro.
"Temos nestes momentos cámaras, drons e todo o persoal de investigación das forzas e corpos de seguridade do Estado e da propia Consellería do Medio Rural facendo investigación" advertiu o conselleiro polo que "podemos trasladar con claridade a todos aqueles que están provoncando lumes intencionados en Galicia que os imos a coller e caerá sobre eles todo o peso da lei" de modo que "ademais de ter penas de cárcere sufrirán no seu patrimonio tanto o pago dos gastos de extinción como tamén de todos os danos provocados que están a ser cuantiosísimos".
O conselleiro agora os esforzos centraranse na recuperación do chan e do potencial forestal da zona. Un traballo que xa arrincou hai uns días por parte de técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán no Courel e en Valdeorras, onde se están avaliando as distintas posibilidades de rexeneración da vexetación, e que tamén se fará noutras zonas afectadas polos incendios estes días.
Nesa liña, José González aludiu á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que recolle figuras como as aldeas modelo e os polígonos agroforestais para a posta en valor do terreo e a anticipación aos incendios forestais.
Finalmente o conselleiro lembra que tamén está dispoñible o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
Relacionadas:
-
Os militares incorpóranse á vixilancia do monte en Galicia con avións non tripulados de recoñecemento
Por Oskar Viéitez |
-
A Canicouva revive o pesadelo do incendio do 2006
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Técnicos municipais avaliarán esta semana os danos que o incendio causou no Parque forestal da Fracha
Por Redacción |
-
Medio Rural dá por controlado o incendio da Fracha dous días e medio despois de empezar a arder
Por Natalia Puga |