A Canicouva revive o pesadelo do incendio do 2006
Por Manu Otero & Cristina Saiz
"Por sorte desta vez non foi como o do 2006". É a resposta de alivio que repiten todos os veciños da Canicouva que esta fin de semana temeron revivir un pesadelo que aínda non superaron, o dos incendios do 2006 que obrigaron a desaloxar as vivendas desta aldea situada nun privilexiado miradoiro sobre a ría de Vigo.
O labor dos servizos de emerxencias foi crucial para salvar o núcleo. "Estiveron os bombeiros toda a noite e ata as 4 dá mañá do día seguinte, fixeron un cortalumes e por iso non chegou ou lume", explicaba este luns unha veciña aínda co susto no corpo.
Na aldea non esquecen o ocorrido naquel fatídico agosto do 2006 no que o lume, alimentado por fortes refachos de vento, calcinou o rural pontevedrés durante cinco interminables xornadas. "Aquela vez ardera desde Ponte Sampaio e veu cara arriba, pero tamén estaba ardendo non monte, quedamos encerrados, non tiñamos saída", lembra a veciña.
"Aquelo foi unha desgraza, desta vez menos mal que non había tanto vento", engade outro veciño do lugar. A orixe do incendio esta vez estivo na Fracha e en cuestión de horas, en dúas frontes, avanzou cara a Ponte Sampaio e Ponte Caldelas. "Alguén prendeu na Fracha e como o monte está abandonado, porque todo son propiedades privadas pequenas que ninguén limpa, ardeu", explica indignado este residente da Canicouva.
No 2006, o carácter dos veciños resultou fundamental para combater as lapas. "Querían desaloxarnos, pero non marchamos, senón quen ía defender as casas?", lembra esta residente da Canicouva. Con todo, esta vez a virulencia do incendio non foi tan grave e non foi necesario plantexar un desaloxo. En cambio, como aquela vez, moitos veciños trataron de botar unha man aos bombeiros e refrescar o monte cos seus propios medios. "Xa sei que hai seca, pero non podemos deixar que arda", conclúe a veciña confiando en que o do venres fose só un mal soño.
Relacionadas:
-
Castiñeiros, carballos e piñeiros para rexenerar A Fracha tras o incendio da Canicouva
Por Alejandro Espiño |
-
Declaran como 'zona catastrófica' o territorio afectado polos incendios de Caldas e Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Os militares incorpóranse á vixilancia do monte en Galicia con avións non tripulados de recoñecemento
Por Oskar Viéitez |
-
O conselleiro do Medio Rural desvela que "hoxe pola noite volvemos ter nove intentos de prender lumes"
Por Oskar Viéitez |
-
Técnicos municipais avaliarán esta semana os danos que o incendio causou no Parque forestal da Fracha
Por Redacción |
-
Medio Rural dá por controlado o incendio da Fracha dous días e medio despois de empezar a arder
Por Natalia Puga |
-
Estabilizado o incendio no monte da Fracha: agora toca avaliar danos
Por Natalia Puga |
-
"Evoluciona favorablemente" o lume que xa arrasou 380 hectáreas de Pontevedra e Ponte Caldelas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada