A ruta cabalar dos 'Xinetes do Enxebre' percorrerá este domingo o Monte Castrove
Por Redacción
A 'Ruta Cabalar Os Xinetes do Enxebre' vivirá este domingo, 14 de agosto, a súa oitava edición no Monte Castrove.
Tal e como explicaron os e as responsables do evento, a saída está fixada para as 10.00 horas. As persoas inscritas partirán desde as inmediacións da Casa do Castro, desde onde iniciarán un percorrido que contará con pincho e dúas paradas. Finalmente, ás 14.30 desenvolverase a tradicional comida campestre, que se recupera nesta edición, logo de que en 2021 non se celebrase por mor da situación sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19.
A Asociación Os Xinetes do Enxebre informa, asemade, de que continuará aberto o prazo de inscrición ata este xoves, día 11 de agosto. O prezo do menú é de 30 euros (15 no caso de crianzas). As reservas poden facerse no Bar Enxebre ou chamando ao número de teléfono 627006670. Tamén é posible inscribirse unicamente para o pincho, cun prezo de 5 euros.
Oano pasado tomaron parte desta cita uns 80 xinetes aproximadamente.
O menú estará composto de entremeses, langostinos, churrasco, bebida, postre, café e chupitos. Habilitarase unha carpa no Monte Castrove para a celebración da comida campestre, para que se poida desenvolver en caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen.