Pontevedra elabora unha listaxe das instalacións municipais que procederá a apagar
Por Oskar Viéitez
A portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, informou este luns en rolda de prensa que os servizos técnicos do Concello de Pontevedra están a estudar as medidas e a aplicación do Real Decreto Lei 14/2022 do 1 de agosto, máis coñecido como o decreto de aforro e xestión da enerxía, "estamos vendo até é onde é o alcance e como afecta, realmente, ao Concello de Pontevedra", dixo.
Anabel Gulías apuntou que "trátase de informar, amais de moderar o consumo enerxético nos edificios públicos e administrativos e é o que estamos a facer", mantendo sempre algunhas características que excepciona o propio Decreto, "como a das persoas que traballan en atención ao público ou que realizan tarefas específicas", explicou a edil.
O Concello ten a obriga de exhibir a cartelaría de informar da temperatura nas dependencias, cousa que na maioría das instalacións xa é posible, ao ter os cadros de mando do sistema de climatización, "veremos se é suficiente ou debemos tomar medidas adicionais", comentou a portavoz.
En canto á iluminación de edificios e instalacións de titularidade pública "estamos vendo de apagalos a partir das 22 horas, pero queremos estudar como afectaría isto ás pontes e a determinados monumentos".
A voceira municipal agarda que "hoxe ou mañá teñamos unha listaxe das instalacións que procederemos a apagar".
Relacionadas:
-
Conde pide ao Goberno que as medidas de aforro enerxético queden reducidas a "recomendacións" no sector privado
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Monumentos e pontes seguirán iluminados pola noite
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación súmase ás medidas de aforro enerxético e apagará todos os edificios ás dez da noite
Por Redacción |