A Deputación súmase ás medidas de aforro enerxético e apagará todos os edificios ás dez da noite
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra anunciou este sábado que cumprirá co Decreto do Goberno de España para o aforro e eficiencia enerxética que outras administracións poñen en cuestión e que adoptará as accións excepcionais sinaladas para as administracións públicas.
Ademais de cumprir o decreto, a institución provincial irá máis aló do estipulado e aplicará medidas propias orientadas ao uso responsable da enerxía. Ditou unha instrución xeral cunha batería de medidas cara ao persoal, que se aplicarán nas dependencias de traballo de todos os centros e servizos dependentes.
A institución procederá ao apagado de toda a iluminación exterior dos edificios provinciais a partir das 22.00 horas. No interior das instalacións, apagarase toda a iluminación interior a partir da hora de peche de portas por finalización de xornada, reducirase a iluminación en zonas de paso con luz natural e incluso efectuarase un corte xeral de subministro eléctrico no sistema de climatización ás 15:00 horas e ás 20:00 horas.
Ademais, instalaranse brazos articulados en todas as portas exteriores dos edificios, de non existir corta-ventos, debéndose manter o modo automático de apertura activado, e haberá cartelería en todas as instalacións da Deputación coas medidas a adoptar para o aforro enerxético.
Outra medida será instalar un control de temperatura no sistema de calefacción para garantir que os recintos calefactados non teñan unha temperatura superior a 19 graos.
O persoal non utilizará o sistema de climatización individualizada a unha temperatura inferior aos 27 graos, os ventiladores portátiles so se poderán utilizar nas oficinas nas que non exista sistema de climatización e sempre e cando a temperatura do aire sexa superior a 27 graos, e os radiadores portátiles tan so se poderán acender naqueles espazos nos que non exista sistema de calefacción central e sempre e cando a temperatura do aire sexa inferior a 19 graos.
A instrución xeral tamén contempla que co aire acondicionado prendido non poderán abrirse as fiestras e deberán manterse as portas pechadas para evitar perdas caloríficas. Igualmente, o persoal ao abandonar o posto de traballo procederá ao apagado do equipo informático e periféricos (monitores, impresoras...), salvo aqueles que por traballo en remoto deban permanecer prendidos, e se responsabilizará de apagar o sistema de iluminación dos despachos.
Relacionadas:
-
Conde pide ao Goberno que as medidas de aforro enerxético queden reducidas a "recomendacións" no sector privado
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Monumentos e pontes seguirán iluminados pola noite
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra elabora unha listaxe das instalacións municipais que procederá a apagar
Por Oskar Viéitez |