Vilagarcía, en albas por un lume que obrigou a desaloxar 30 vivendas e arrasou unha chatarrería
Por Manu Otero & Cristina Saiz
O incendio forestal que comezou na tarde do pasado xoves en Saiar e expandiuse pola noite cara a Vilagarcía centrou durante a xornada deste venres toda a atención dos veciños, os profesionais de emerxencias, os medios de comunicación e as institucións.
O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, que estivo pendente do avance das lapas durante toda a madrugada cancelou a súa axenda para seguir ao minuto a evolución do incendio forestal. Ás 12.30 do mediodía compareceu ante a prensa para informar sobre os incidentes provocados polo lume, que se traduciron no desaloxo dunha trintena de vivendas e unha chatarrería arrasada polas lapas no Pousadoiro.
"Dentro da gravidade do incendio, conseguimos un obxectivo importante que é que non se vira afectada ningunha vivenda", agradeceu o rexedor, quen puntualizou tamén que o lume consumira 350 hectáreas de monte. Lembrou o dirixente o incendio do 2016, que afectou á mesma contorna, no que arderon unhas 300 hectáreas.
Despois de destacar e encomiar o traballo de todos os profesionais de todos os corpos de emerxencias que seguen loitando contra o lume nas inmediacións do monte Xiabre, Varela destacou que todos os veciños que se viron afectados polo desaloxo dunha trintena de vivendas xa puideron regresar ás súas casas. "Non todas se desaloxaron ao mesmo tempo nin á vez, pero xa están todos nas súas vivendas", puntualizou con alivio.
Sobre as horas máis duras de loita contra o lume, o alcalde recoñeceu que a deste venres "foi unha noite dura". E coa saída do sol, a situación non cambiou. "A mañá foi tamén de moita tensión e nervios", engadiu o mandatario lembrando o último episodio do 2016.
Poñendo en valor a profesionalidade dos efectivos de emerxencias e a solidariedade da cidadanía vilagarciá, Varela defendeu que "o goberno local tratou de estar ao carón dos veciños. Estivemos en contacto con eles en Castroagudín e tratamos de coordinar todos os medios municipais a disposición dun único obxectivo que era apagar ou lume canto antes e que non houbese dános persoais nin que afectase a ningunha vivenda", explicou.
Rematou a súa intervención lembrando que "nos momentos de crise é cando se valora o importante que é ter uns bos servizos públicos".
Das consecuencias do incendio falou tamén o alcalde do municipio no que se orixinou o incendio, en Caldas de Reis. "Puidemos salvar as casas en Porteliña e en Casal do Mato, pero aínda estamos en shock", dicía Juan Manuel Rey esta mañá de venres en declaracións á Radio Galega.
Aínda que por momentos "parece que a situación mellora", ningún dos dous rexedores dá a batalla por terminada. Ambos os dous amósanse preocupados polos fortes e cambiantes refachos de vento que poden facer que calquera dos focos que seguen activos vólvanse a descontrolar.
Unha vez extinguido o lume, comezarán os traballos de investigación para dar coas causas da orixe do lume, do que descoñecen aínda se foi intencionado ou accidental.
Relacionadas:
-
O Pleno de Caldas aproba medidas para a protección e rexeneración do monte Xiabre
Por Redacción |
-
Controlado o incendio que arrasou 450 hectáreas do monte Xiabre en Caldas e Vilagarcía
Por Natalia Puga |
-
O incendio de Caldas e Vilagarcía segue activo tras arrasar 450 hectáreas en 24 horas
Por Natalia Puga & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Decretan a situación de alerta 2 no incendio da Fracha pola proximidade ás casas da Canicouva
Por Natalia Puga & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Controlado un incendio que queimou tres hectáreas na parroquia de Xesta
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A impotencia de ver o lume ás portas da casa: "Non puidemos durmir"
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Afectados polo incendio en Vilagarcía: "Esta noite pensei que perdía o traballo e a casa"
Por Manu Otero & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Evoluciona "favorablemente" o incendio de Saiar, que se estende a Vilagarcía con 450 hectáreas afectadas
Por Diego Espiño & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Un incendio próximo ás casas en Saiar activa a situación 2 de emerxencia en Caldas
Por Redacción |