Zona Monumental organiza obradoiros para fomentar a actividade comercial
Por Redacción
O Centro Comercial Urbano Zona Monumental continúa organizando actividades para favorecer a dinamización comercial nas rúas e prazas do centro histórico.
Este venres 29 de novembro ponse en marcha un obradoiro de maché na rúa San Román e na Praza da Ferrería en horario de 17.30 a 20.30 horas. Trátase dunha proposta para os máis creativos que aprenderán o modelaxe e a técnica do papel encolamento, unha modalidade artesanal que se remonta no tempo e que é sinxela de realizar. Frabricarán xerras, platas, figuras coas que despois pintarán con cores vivas. Os participantes poderán levarse a súa obra.
O sábado 30 en horario de 10 a 14 horas e de 17.30 a 20.30 na rúa San Román e na Praza da Ferrería desenvolverase unha charla sobre a hixiene e coidado de mascotas. O obradoiro está pensado para concienciar os máis pequenos da importancia de ter un animal de compañía coas obrigas e necesidades dun bo coidado. Ademais, cada un dos nenos propietarios de cans poderán presentar á súa mascota.
Estas propostas van dirixidas a aumentar a presenza de visitantes á zona monumental na que xa se encontra instalada a iluminación de Nadal. Do 20 de decembro ao 5 de xaneiro chegará, un ano máis, Pontenadal. Os días 23 e 24 de decembro, Papá Noel visitará a Zona Monumental ofrecendo doces aos nenos.
O 4 de xaneiro será un Paxe Real o que chegue ao centro histórico para que os nenos poidan entregar as súas cartas. E xa o 5 de xaneiro, os Reis Magos realizarán a tradicional visita á zona e despois unha carroza do Centro Comercial Urbano participará na Cabalgata.