Manuel Campos promete aos participantes no Cuntilín unha festa con inchables
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Loureiro, realizaron este venres unha visita institucional ás instalacións do CPI Aurelio Marcelino Rey García nas que se están a desenvolver as actividades enmarcadas no programa de concialición Cuntilín.
Máis de un centenar de rapaces participan desde finais de xuño nas actividades programadas para garantir ás familias un amplo periodo de conciliación coincidente coas vacacións escolares. Tanto o alcalde como a concelleira participaron durante un anaco da programación prevista, con xogos, deporte e actividades creativas. Ambos intercambiaron impresións coas monitoras do Cuntilín Verán comprometendo unha xornada especialmente lúdica para rematar, a finais de agosto, a presente edición.
O alcalde baralla a posibilidade de instalar inchables no patio do colexio para que os rapaces poidan despedir o verán cunha gran festa como colofón a estas semanas de diversión.
O Cuntilín Verán é un programa gratuito e fundamental para cubrir as necesidades en materia educativa, formativa e de conciliación dunha gran cantidade de familias do municipio, de aí que o Concello realice cada ano "un esforzo económico moi importante para levalo a cabo sen coste para as familias".
Manuel Campos destaca o incremento de inscritos este ano, no que o programa chegará ao centenar de alumnos frente aos 80 da pasada edición, a pesar do cal ainda quedaron prazas vacantes. "É un programa irrenunciable para o noso goberno e un reflexo claro da nosa aposta polas política sociais", afirma o alcalde, que recorda que o Concello asume o 100% do servizo. O Concello de Cuntis destina a este programa unha partida de 206.250 euros anuais.
Relacionadas:
-
Cuntis abre o prazo de inscrición para participar no Cuntilín de Nadal
Por Redacción |
-
A veciña de Troáns, Manuela Reboredo cumpre tantos anos como nenos ten o Cuntilín
Por Redacción |
-
As familias de Cuntis xa poden inscribir aos seus nenos no programa Cuntilín
Por Redacción |
-
Cuntis adxudica a Sociser Galicia o servizo de Atención Domiciliaria por 1,4 millóns ao ano
Por Redacción |