Un novo equipo de cardioloxía permitirá facer cateterismos a diario en Montecelo e evitará derivar pacientes a outros centros

Por Redacción
A Xunta de Galicia adquirirá un novo equipo de cardioloxía intervencionista (hemodinámica) para o hospital Montecelo que permitirá ao centro contar cunha sala de hemodinámica propia, xa que ata o momento era compartida con Radioloxía.
Este novo equipo vaise adquirir en 2023 e permitirá facer cateterismos todos os días, mellorando os tempos de atención e evitando que se deriven pacientes a outros centros.
A cardioloxía intervencionista permite a colocación de dispositivos intracoronarios e a realización de valvuloplastias (modificacións na anatomía valvular) para a resolución de problemas coronarios e valvulares, respectivamente.
O Goberno galego autorizou na súa reunión deste xoves a compra de novos equipamentos de alta tecnoloxía para renovar os equipamentos de cinco hospitais. En total, vanse adquirir sete equipos para desenvolver esta técnica, por importe de 5.927.064 euros, que substituirán aos equipamentos actuais de cardioloxía intervencionista destas unidades hospitalarias, agás no caso de Pontevedra, onde se comprará unha nova aparataxe.