A solidariedade centra as actividades do Campamento Urbano de Caldas de Reis
Por Redacción
O Campamento Urbano de Caldas de Reis celebra estes días a súa 27ª edición coa participación de 80 nenos da comarca, con idades comprendidas entre os 7 e os 14 anos.
Están a participar esta semana de forma gratuíta nesta actividade incluída na programación do Festival Cultura Quente.
Os nenos están a gozar ao aire libre de xogos, excursións, música e moitas outras actividades propias deste tipo de campamentos de verán, acompañados dun equipo de monitores.
As actividades deste ano viran ao redor da temática da Solidariedade, e os participantes achegaron no momento da inscrición un quilo de alimentos non perecedoiros para doalos a Cáritas, entidade que ten sede en Caldas e distribúeos entre familias necesitadas.
Pola súa banda, membros da Cruz Vermella de Pontevedra tamén lles explicaron os labores solidarios desta entidade e como poden participar e colaborar nas distintas actividades que realizan.
A Policía Local de Caldas desenvolveu un taller de seguridade viaria no que os participantes puideron poñer de manifesto as súas habilidades coas bicicletas e patinetes nun circuíto instalado no Paseo Román López, profundando no seu coñecemento e respecto cara aos sinais de tráfico e a normativa viaria.
Este xoves están a gozar dunha excursión ao municipio do Grove onde ademais de gozar dalgunha das súas praias realizarán actividades de educación ambiental na aula Natureza Siradella.