O Concello achega novos informes contra os túneles para peóns na praza de Os Praceres
Por Redacción
O Concello de Pontevedra mantense firme na súa oposición ao proxecto do Adif de crear dous túneles para o paso de persoas que permitan suprimir os pasos a nivel na Praza dos Praceres. Co obxectivo de frear esta "aberración", o goberno local achega novos informes nos que alega problemas de seguridade viaria e tamén a ausencia sobre quen debe asumir os custos dos bombeos para evacuar as augas pluviais dos pasos inferiores.
O concelleiro e coordinador do rural na parroquia de Lourizán, Alberto Oubiña, compareceu este xoves, 4 de agosto, co fin de contextualizar e ofrecer as últimas informacións relacionadas co proxecto de supresión dos pasos a nivel da praza dos Praceres.
Desta volta, o Concello vén de remitir un informe municipal que garda relación co expediente de expropiación forzosa que se está a tramitar por parte de Adif. Nese sentido, é sabido que a entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana pretende realizar o soterramento dos pasos para persoas e vehículos no lugar, proxectando dous túneles distintos.
Estes pasos soterrados levan cadansúa beirarrúa e, nun deles, escaleiras. Ademais, a vía do tren quedaría tupida por completo impedindo o cruce a nivel, partindo a praza dun xeito total, o que consumaría a división da parroquia en dúas partes. "Xa o dixemos daquela e seguímolo a dicir. Con cada persoa que falamos na parroquia, cada veciño, sempre nos din o mesmo. Que é unha aberración, un disparate que só se lle puido ocorrer a alguén que deseñou un proxecto desde Madrid sen pisar este lugar", explica Oubiña.
Así, nos informes dos servizos técnicos municipais emitidos polo Concello, queda claro que se xerarán problemas de mobilidade peonil e de seguranza, sen accesibilidade universal ao carecer de ramplas no proxecto, e "coa documentación facilitada non é posible determinar se se permite o paso a vehículos de emerxencia xa que non queda claro se se cumpre o gálibo necesario para acceder á praza".
Outro elemento que non está claro na documentación emitida por Adif fai referencia á inexactitude á hora de explicar quen ou que entidade se fará cargo dos bombeos, necesarios e obrigatorios para manter despexados os túneles. De tal xeito, a xefa de patrimonio do Concello emitiu un informe incorporado ao expediente nesta ocasión no que lembra que "o concello non debería asumir de ningún xeito o mantemento dos bombeos necesarios para evacuar as augas pluviais dos pasos inferiores, debido a que se trata de elementos funcionais derivados dunha necesidade provocada pola propia infraestrutura ferroviaria que deberá ser quen asuma os gastos e consecuencias da súa xestión e explotación".
A problemática sobre esta cuestión non remataría aquí, xa que hai que ter en conta a enerxía que van consumir funcionando constantemente estes aparellos baixo a capa freática, amais do ruído que emitirán e que amolará aos veciños. "E no caso de fallar? E se hai unha emerxencia? Quen se vai facer responsábel? Quedarán as vivendas illadas? E a igrexa? E o centro escolar? E a praia? E o parque infantil? Adif está esmagando Lourizán unha vez máis contra o criterio do Concello de Pontevedra", remarca o edil.
Desde o Concello sinálase que este semella ser un caso de reformatio in peius, aquel no que o novo proxecto e a súa execución é aínda peor que o proxecto anulado por sentenza xudicial con anterioridade. Desde o goberno local sosteñen que a veciñanza de Lourizán debe saber que o Concello está do seu lado. "Non queremos unha nova navallada na parroquia". Neste sentido propoñen que, como xa se fixo no 2013 en acordo unánime do Pleno, se modifique o actual trazado e se traslade a vía do tren fóra da praza dos Praceres.
Relacionadas:
-
Adif iniciará en xuño as obras para eliminar os pasos a nivel en Praceres
Por Oskar Viéitez |
-
"Non á desfeita nos Praceres": Pontevedra rexeita as expropiacións para suprimir os pasos a nivel
Por Redacción |
-
Lores, sobre o soterramento dos pasos a nivel dos Praceres: "vai empeorar o estado da praza"
Por Natalia Puga |
-
Sae a licitación por 10,8 millóns de euros a supresión dos pasos a nivel na Praza dos Praceres
Por Oskar Viéitez |
-
O PP sinala que é o PSOE quen debe dar explicacións polos pasos subterráneos deseñados polo Goberno central na Praza de Praceres
Por Oskar Viéitez |
-
Adif propón suprimir os pasos a nivel nos Praceres e o Concello considérao "unha traizón aos veciños"
Por María José Pita |