Visitas guiadas para coñecer a historia e os segredos de Caldas
Por Redacción
A Oficina Municipal de Turismo de Caldas continúa este mes de agosto coas visitas guiadas gratuítas polo centro histórico da vila, que teñen lugar todos os xoves ás 12 horas, pero que tamén poden reservarse para grupos de máis de 10 persoas.
As visitas comezan no Auditorio Municipal para coñecer a réplica do Tesouro de Caldas, que é o máis importante depósito prehistórico de ouro atopado en Europa.
A continuación, visítase a fonte da burga, orixe do municipium romano de Caldas, e a réplica da ara romana dedicada ao deus cileno Edovio.
A visita percorre as rúas do centro histórico e amósase a súa arquitectura ecléctica e modernista, as súas pontes e a igrexa de San Tomé Becket, así como os tesouros botánicos dos xardíns e balnearios, explicando tamén a localización da antiga Torre de Dona Urraca e a relación do topónimo de Caldas de Reis coas augas termais e co nacemento do rei Alfonso VII.
Este servizo gratuíto é ofrecido polo Concello de Caldas a través da Oficina de Turismo, que forma parte da Rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra, e que conta co selo Q de Calidad Turística.
Para participar nestas visitas é necesario facer reserva previa no teléfono da Oficina de Turismo, 665 286 957, ou no correo electrónico turismo@caldasdereis.com