Gran afluencia infantil á festa organizada polo Concello da Lama
Por Redacción
Os máis pequenos da casa convertéronse nos protagonistas da Festa Infantil organizada polo Concello da Lama na Alameda dentro do "Verán Cultural".
Os nenos brincaron nos distintos aparellos e xogos instalados ata as sete e media da tarde, hora á que comezou a Festa da Escuma que asolagou de cor branca o empedrado da Alameda onde os nenos ían desaparecendo engulidos polas burbullas que saían dun canón.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, valorou moi positivamente a participación dos nenos e sinalou "este ano aumentamos os xogos que tiñamos noutras ocasións e para mitigar as altas temperaturas eliximos inchables con piscina de auga, aínda así si o ano que vén segue esta calor haberá que buscar fórmulas que refresquen a Alameda como a instalación de chafarises estratéxicamente colocados para favorecer que a xente poida combatir as altas temperaturas".
"Tamén temos que ver dalgunha atracción para os máis cativiños que merecen unha atención especial", engadiu Jorge Canda.
AS VIAXES DE IRENE
A cativada da Lama tamén tivo ocasión de viaxar coa imaxinación ata Guatemala guiados polos "Contos do Mundo: As Viaxes de Irene", un contacontos realizado por Solidariedade Internacional de Galicia que chegou ata este municipio dentro das actividades que forman parte da campaña de dinamización lectora da Xunta de Galicia "Ler conta moito", da Rede Galega de Bibliotecas.