Nunca Máis sae á rúa o domingo como "resposta de dignidade" ante a sentenza do Prestige
Por Natalia Puga
A plataforma cidadá Nunca Máis volverá á rúa este domingo 1 de decembro. Tras coñecerse a sentenza do Prestige o colectivo xa se concentrou en varias localidades galegas o 15 de novembro. Pasadas dúas semanas, e coincidindo co 11 aniversario da gran manifestación da plataforma en Santiago de Compostela, volven convocar aos galegos a unha protesta en oito poboacións, entre elas, Pontevedra. A manifestación sairá ás 12.00 horas da Peregrina.
O portavoz de Nunca Máis en Pontevedra, Xosé Manuel Abraldes, fixo un chamamento aos pontevedreses a que se sumen esta manifestación convocada nun momento no que "a voz de Nunca Máis é preciso que estea aí" e no que a plataforma cidadá é "o único berro de Xustiza non medio de tanta Inxustiza", como reza o cartel que convoca a protesta.
A data non foi elixida ao azar, senón en recordo daquel 1 de decembro de 2002 no que se produciu a multitudinaria protesta que desenvocaría na marea cidadá de rexeitamento ao Prestige e á marea branca de voluntarios limpando a costa galega.
Este ano é domingo outra vez. ÿ 1 de decembro outra vez. E "non temos un barco botando chapapote en fronte ás nosas costas, pero si temos unha marea de desvergoña e indignación" a raiz da sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que conclúe que a catástrofe medioambiental do Prestige non tivo responsables e só condena ao capitán do petroleiro, Apóstolos Mangouras, por un delito de desobediencia grave á autoridade.
"Once anos despois seguen a existir razóns para a indignación, a reivindicación e a contestación social"
A manifestación convócase ante a "sentenza tan inesperada que ven a avalar a impunidade dos responsables políticos" da xestión do accidente e ante a "manipulación do PP" que nos últimos días defendeu a actuación das autoridades no ano 2002.
A protesta pretende converterse nun "movemento de indignación" e "resposta de dignidade" ante a resolución xudicial e pide que "se depuren responsabilidades" e medidas "para que non volva suceder isto", pois trala marea negra de 2002 "non se tomaron medidas efectivas" e non se transferiron a Galicia as competencias para a xestión deste tipo de incidentes.
A convocatoria realízase despois de que Nunca Máis decida recurir a sentenza ante o Tribunal Supremo, non por que confíen en que cambie a resolución xudicial da Coruña, senón "para poder chegar ata as últimas instancias" e reclamar ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo. Para poder afrontar os gastos do recurso, abriron unha conta solidaria: 2080 0300 89 3040154397.
Pedirán na rúa 'Nunca Máis á incompetencia política', 'Nunca Máis mareas negras de chapapote', 'Nunca Máis mareas negras de manipulación e de mentiras' e 'Por unha sentenza xusta' porque "once anos despois da catástrofe do Prestige seguen a existir razóns para a indignación, a reivindicación e a contestación social".