Unha parella de nudistas detida tras enfrontarse con veciños e Policía na praia de Vilaxoán
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Vilagarcía detivo este luns pola tarde a unha parella de nudistas que protagonizou un enfrontamento con varios veciños primeiro, e cos axentes despois, nas inmediacións da praia de Vilaxoán.
Segundo informan dende o Concello de Vilagarcía, as detencións destas dúas persoas residentes en Vigo, de 30 e 33 anos, produciuse despois da súa negativa reiterada a identificarse, de que insultaran á Policía e a unha bañista, de que o home tratase de fuxir e forcexease cos gardas e de que a muller aproveitase ese momento para agredilos.
Os feitos aconteceron pasadas as seis da tarde cando, en resposta a unha chamada veciñal requirindo a presenza da Policía, unha patrulla se despraza ata a Rúa Preguntoiro, na zona da denominada praia de Ponteán, atopándose cunha parella bañándose espida en pleno enfrontamento verbal con outros dous usuarios do areal e acompañada de cinco cans, un dos cales amosaba unha actitude agresiva.
Os axentes solicitaron a identificación de todos os presentes, requirimento que atenderon dúas persoas, pero non así os nudistas que, ademais de negarse manifesta e reiteradamente a facelo, insultaron aos gardas chamándolles "chulos" e "pallasos", segundo recolle o atestado policial, e dirixíndose tamén en ton ofensivo a unha bañista que pasaba pola zona.
Tras advertirlles de que si non presentaban a documentación, terían que ser trasladados ás dependencias municipais para proceder a súa identificación, amosando unha actitude "chulesca e desafiante" cara os axentes, o home espetoulles un "me váis a tener que llevar por la fuerza", escapando á carreira.
Este home, coais iniciais A.G.O., foi interceptado polos policías cando xa se atopaba no interior dun vehículo estacionado nas inmediacións, resistíndose a abandonalo e opoñendo resistencia aos policías que, tras sacalo do coche procederon a lerlle os seus dereitos e detivérono. A muller, M.V.L., chegou a xunto deles nese momento, aproveitando a circunstancia para agredir aos axentes da autoridade. Finalmente ela tamén foi detida.
A parella foi conducida aos calabozos da Policía Nacional en espera de pasar a disposición xudicial.