A ludoteca de Caldas supera as prazas previstas e chega a 125 participantes
Por Redacción
A ludoteca de verán de Caldas de Reis finalizou o pasado venres as actividades do primeiro grupo de 130 participantes, e este luns comezou a ludoteca de agosto na que participarán un total de 125 nenos, superando as 80 prazas ofertadas inicialmente, que continuarán con múltiples actividades lúdicas e temáticas en torno ao proxecto "Pasiño a pasiño facemos o Camiño".
O alcalde, Juan Manuel Rey, e o concelleiro de educación, Jacobo Pérez, visitaron os participantes do mes de xullo e destacaron a vontade do Concello de ampliar este servizo municipal que facilita a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares do verán, combinando lecer e tempo libre con funcións socializadoras, lúdicas e educativas.
A aprendizaxe sobre o Camiño faise moi dinámica con actividades como as diferentes rutas do Camiño de Santiago e o Camiño en diferentes linguas; o Caderno de Ruta e as credenciais dos peregrinos; a guía do bo peregrino e os símbolos; e cos contos no Camiño como "Bo Camiño, Valentiño".
Na parte lúdica a rapazada participante goza de xogos, festa de auga, xincanas temáticas e deportivas e procuras do tesouro. Pola súa parte, a Policía Local colabora coa Ludoteca coa realización dun obradoiro de educación e seguridade viaria que entusiasma aos pequenos.
Entre as saídas polo Concello destacan a da fervenza de Segade, a Vía Verde, a Carballeira, o centro histórico de Caldas e a Tafona, pero tamén realízase un tramo do Camiño entre Barosa e Caldas e outra saída a unha praia que no mes de xullo foi á Illa de Arousa.