As candorcas son mamíferos mariños que viven en todos os océanos do mundo. Superan os cinco metros de lonxitude e un peso de dous a tres mil quilos. É un animal depredador que está no máis alto da pirámide trófica. Entre estas, hai unha subpoboación que é a candorca ibérica. Aliméntase de atunes. Actualmente contabilízanse ao redor de medio centenar e "está considerada vulnerable na lexislación española, e mesmo a Unión Internacional para a Conservación da Naturezaconsidéraa en perigo crítico".
Desde hai un par de anos están a rexistrarse "interaccións entre candorcas e barcos" que lles están propiciando "mala prensa". Para informar con rigor e divulgar sobre estes animais iniciouse o proxecto Friendship Candorcas (Amigas Candorcas) entre colectivos científicos de Andalucía, Portugal e Galicia, contando coa axuda da Fundación Santander.
Polo momento descoñécense as causas desas interaccións e trabállase con dúas hipótese que nos explica Alfredo López, biólogo da CEMMA, no 'Cara a cara'. "levan contabilizadas unhas trescentas, que en ningún caso son ataques porque as orcas non teñen intención de destruír a pesar de que nalgunha ocasión rompan algo", aclara.
De momento rexistran os casos dos que teñen coñecemento, falan cos navegantes que viviron eses contactos e dan pautas sobre que facer e non facer nesas situacións. Lémbraas no podcast de PontevedraViva Radio. A iniciativa Friendship Candorcas desenvolverá máis accións informativas e divulgativas. Para iso dispoñen da colaboración de persoas recoñecidas en diferentes ámbitos como o ilustrador Pepe Carreiro, quen a través dos seus famosos Bolechas, súmase á causa.
"Hai que transmitir tranquilidade para que se se produce unha interacción coas candorcas poidan abordala con calma" recomenda Alfredo López, con quen tamén falamos do 30 aniversario que este ano 2022 cumpre a CEMMA, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños.