Poio pon en marcha unha nova edición de Espazo Concilia, unha ludoteca infantil no Nadal
Por Redacción
A Concellería de Igualdade e o CIM de Poio, en colaboración coa Asociación Tempo Libre Lecer, porán en marcha unha nova edición de Espazo Concilia, unha ludoteca infantil que se desenvolverá durante o período do Nadal, os días 23, 24, 26, 27 e 30 de decembro e 2, 3, 7, 8 de enero, en horario de 8.30 a 14.30 horas, no Centro de Servizos Sociais (Casa Rosada).
Para esta actividade ofértanse 30 prazas dirixidas a nenos de entre os 3 e 8 anos. Terán preferencia os empadroados en Poio.
O prazo de inscrición vai do 27 de novembro ao 18 de decembro. Pódese facer na Casa Rosada, a oficina administrativa do Centro Información á Muller, de luns a venres de 8.30 a 14.30 horas e de 17.00 a 21.00 horas. Posto que cómpre aportar a documentación requirida para anotar ao neno, o Concello de Poio prega aos interesados que vaian facer a inscrición ao centro. O listado definitivo de admitidos publicaráse o 20 de decembro.
Esta ludoteca é un programa socioeducativo e de lecer, pensado fundamentalmente para apoiar ás familias con nenos pequenos, co obxectivo de axudalas a conciliar as responsabilidades familiares, personais e profesionais. Para máis información e inscricións pódese chamar aos números de teléfono 986 87 42 38 ou 986 87 24 01.