A polémica por unha foto ensombrece a unanimidade do Pleno da Deputación para reclamar a transferencia da competencia de costas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres por unanimidade reclamar ao Goberno do Estado a transferencia a Galicia da competencia sobre a xestión do dominio público marítimo terrestre en apoio ao sector Mar-Industria.
Ao salón de plenos acudiron varios representantes da Confederación Mar-Industria Alimentaria, organismo que aglutina a Agade, Anfaco, Federación Provincial de Cofradías e o Cluster de Acuicultura, que antes de acceder ao Pazo Provincial sacaron unha fotografía co grupo do Partido Popular.
Este xesto foi criticado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva que o interpretou como un "intento de confrontación" dos populares lamentando esa "utilización bochornosa e partidista que quixo facer do sector" ao que pediu "que non se deixen manipular". Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera e voceiro do BNG definiu esa fotografía como exemplo do "oportunismo do PP para montar alboroto cunha falta de rigor e seriedade que non lle fai ningún favor ao sector". A portavoz do grupo del PP, Pepa Pardo, censurou o "autoritarismo" do goberno provincial "que se cree que tiene potestad absoluta en moralidad como para decirle a ciudadanos libres con quién pueden y con quién no pueden hacerse una fotografía".
TARXETA BÁSICA PARA AS FAMILIAS VULNERABLES
O Pleno tamén aprobou, pero so cos votos do PSDG-PSOE e do BNG, a moción do goberno para instar á Xunta de Galicia a recuperación urxente para as familias vulnerables da tarxeta básica, e que se complete con outros 200 euros o cheque estatal aprobado no Decreto anticrise polo Goberno de España.
O deputado Carlos Font alertou que "a Xunta está a deixar de lado a 3.500 familias da provincia que dispoñían da tarxeta básica" e reprochou o voto en contra do PP.
BONIFICAR EN GALICIA O TRANSPORTE PÚBLICO
O Pleno da Deputación aprobou tamén instar á Xunta a que, ante a crise da inflación, se sume ás medidas do goberno de España e bonifique o transporte público con outro 30% adicional para que o desconto final a tódalas persoas usuarias chegue ao 60%.
A moción tamén reclama ao goberno galego accións "urxentes" para corrixir "o mal funcionamento do transporte en Galicia que está a xerar queixas por toda a provincia".