'Bueu non stock' vende esta fin de semana as existencias do comercio local no aparcadoiro de As Lagoas
Por Redacción
O aparcadoiro de As Lagoas, na zona dos Xardíns de Urbano Lugrís de Bueu, acolle esta fin de semana a feira de oportunidades 'Bueu non stock', que busca que o comercio de proximidade poida vender existencias e stocks de temporadas pasadas con importantes descontos e a prezos moi atractivos.
Na feira haberá descontos de entre o 40 e o 70% e participan un total de dezasete comercios da comarca de O Morrazo: 7 Fresas, Aleali Zapatería, Cinaniashop, Colorín Colorado, Cousiñas de Kela, El Hilo Rojo, El Rincón de Aria, Eli Bonet, Gáidil, Yoyería Artegalia, Joyería Perfumería Castro, Lencería Irelba, Melena de León, Muy Mía, Nene’s Moda Infantil, OSBS Clotihng e Pepeluchos. Así mesmo, as persoas que realicen as súas compras durante estes días poderán ter vales para que os máis pequenos e pequenas gocen de inchables instalados na contorna.
A feira tivo este venres a inauguración oficial coa participación de autoridades locais e autonómicas. O alcalde, Félix Juncal, destacou que "hoxe é un día para o reencontro, pois todos lembramos aquel comezo no ano 2009 coa Bueu Mostra" e apelou á colaboración que establece o Concello co comercio "cunha unión da que nacen proxectos de envergadura coma esta feira que tamén nos dá moita felicidade, ao tempo que é un escaparate para darse a coñecer".
A feira está organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais de Bueu (ACIBU) e a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO), coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Bueu. A presidenta de Fecimo, Ana Ave, insistiu nesa ledicia compartida, pois "só unindo forzas é posible sacar o comercio local adiante".
O director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Manuel Heredia, destacou que este proxecto "é posible grazas ás axudas para o fomento de iniciativas para centros comerciais abertos, como é este caso, para o que tamén hai que agradecer o esforzo dos e das comerciantes por traer os seus produtos a este espazo".
Ao acto deste venres tamén asistiron Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Xosé Leal, concelleiro de cultura, educación e medio ambiente, e Elena Estévez, voceira do PP.