Alumnos de Mestría Industrial reencóntranse no IES Martín Sarmiento medio século despois de licenciarse

Por Anxo Lourido

© PontevedraViva

© PontevedraViva

© PontevedraViva

© PontevedraViva
Ás portas do IES Martín Sarmiento, na avenida de Vigo, abrazábanse este venres máis de trinta antigos compañeiros de fatigas. Por fin volvían atoparse ex alumnos da denominada Mestría Industrial, o termo que se empregaba nos anos sesenta para denominar a actual Formación Profesional.
Todos cambiaron e algúns case teñen dificultades para recoñecer a antigos compañeiros de aula. Menos pelo, máis canas e case todos locen algúns quilos máis, pero manteñen o bo humor despois de que se cumpran cincuenta anos desde que abandonaron este centro de estudos pontevedrés.
Anxo Ricón e Alejandro Collazo foron os dous grandes promotores deste reencontro. O labor foi complicada. Destinaron case todas as horas do día durante os dous últimos meses a buscar a aqueles compañeiros, que nalgúns casos non volveran a ver desde que finalizaron os estudos de Mestría Industrial no ano 1972. Percorreron aldeas da contorna para tentar localizalos e finalmente lograron reunir a 35 dos 39 estudantes dos que formaron parte da súa promoción. Algúns, recoñecen con pena, xa faleceron.
Todos comezaran os seus estudos en Barcelos, na denominada Escola de Artes e Oficios. Despois foron trasladados ao edificio da avenida de Vigo. Ata ese momento non coincidiran con alumnas. Todos eran homes ata a implantación da especialidade de Delineación. Alí atopáronse con alumnas nun mesmo centro por primeira vez. "Para nós foi como un shock", afirma Anxo Ricón, que lembra a "filípica" do director alertando sobre o comportamento que debían de gardar ao producirse esta coincidencia.
Os seus recordos son dunha "España gris, casposa". Na década dos sesenta e principios dos setenta, apunta Ricón, aínda existía a materia de Formación do espírito nacional, "que era a falanxe directamente" apostila o ex alumno. Afirma que todo era moi disciplinado e mesmo se chegaba a agresións físicas, por parte dos docentes, nalgúns casos. "Lembro a un xefe de estudos que levaba un manoxo de chaves e golpeaba na cabeza", asegura Anxo Ricón botando a vista atrás.
Outros ex alumnos tamén fan memoria sobre os alcumes e cantigas cos que se referían ao profesorado ou mesmo lembran as botellas de clarete que, entre cinco ou seis, bebíanse na antiga cafetería do centro de estudos cando o propietario reserváballas de maneira secreta. Moitos deles víanse obrigados a compatibilizar os seus estudos co traballo "porque as cousas non eran como agora", afirma un ex-alumno que estivo empregado na antiga fábrica de Tafisa.
Profesionalmente, unha porcentaxe elevada dos que finalizaron aquela licenciatura, comenta Alejandro Collazo, mantivo o vínculo coas súas orixes académicas e convertéronse en profesores de Formación Profesional, algúns sendo directores e tamén catedráticos cun historial académico notable. No caso de Collazo marchouse a estudar enxeñería a Málaga e terminou impartindo clase no CIFP A Xunqueira. Anxo Ricón, en cambio, tamén se trasladou a Málaga pero, ao comprobar que a enxeñería non era o seu, estudou historia e exerceu como profesor en Cataluña e, máis tarde, en Galicia.
Este venres, estes antigos alumnos realizaron un acto no salón de actos do IES Martín Sarmiento cunha alocución recordatoria dos cinco anos ou sete (para os que fixeron Pre-Aprendizaxe) da súa etapa de estudantes ata concluír Mestría Industrial e lembraron anécdotas divertidas nun restaurante de Salcedo. Agora que, tras medio século, se atoparon xa están a pensar en volver reunirse no 2023.
Reencontro de antigos estudantes de Mestría Industrial
Acto que se desenvolvía no IES Martín Sarmiento con motivo dos 50 anos de aniversario da finalización dos estudos destes pontevedreses
© PontevedraViva
Anécdotas do reencontro de antigos alumnos de Mestría Industrial
Anxo Ricón e Alejandro Collazo, promotores do reencontro
© PontevedraViva