Renovan por terceira vez o pavimento da rúa Riestra
Por Redacción
A rúa Riestra está de novo en obras. Por terceira vez dende que se realizou a reforma integral da vía en 2006, hai que renovar o pavimento porque presenta problemas "visibles para os cidadáns" e que "poden afectar á circulación".
Os defectos no pavimento fixeron necesario levantalo e substituílo, pero non será unha reposición ao uso, senón que afectará á estrutura sobre a que está colocado, segundo explicou o concelleiro de Obras Urbanas, Luis Bará
Os problemas veñen derivados de que cando se realizou a reforma da rúa os lastros se asentaron directamente sobre a area e tal circunstancia provocou que se movesen e mesmo se rompesen. Coas novas obras, levantarase a area e asentaranse sobre cemento.
Os operarios empezaron a traballar xa este mércores, pero, de momento, as obras non afectaron ao tráfico na zona. Abriron unha gabia no centro da rúa e os vehículos de servizos e carga e descarga que circulan pola rúa (o tráfico está restrinxido ao resto por ser peonil) alternan a circulación a ambos os dous lados dos valos. De todos os xeitos, non se descarta que en días sucesivos haxa que restrinxir a circulación.
As obras e o seu custo as asume o Concello con cargo ao contrato de mantemento de vías urbanas a pesar de que podería considerarse que é unha deficiencia ocasionada pola empresa que acometeu as obras nun primeiro momento.
Bará explicou, a preguntas dos xornalistas, que no seu momento se realizou unha reclamación á firma que executou os traballos, pero non houbo indemnización nin reparación do problema porque se entende que "a empresa fixo o que se lle pediu" dende o Concello.