Un detido por roubo nun taller queda libre e volve delinquir horas despois
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra procederon á detención dun home de 41 anos de idade, veciño da cidade do Lérez, con antecedentes policiais, como presunto autor dun delito de roubo con forza no interior dun taller mecánico da capital.
Os feitos tiveron lugar o día 15 de novembro, cando presentaba denuncia en dependencias policiais o propietario dun taller mecánico da cidade ao que terían accedido durante a madrugada. Ao parecer accederon ao interior tras forzar unha ventá da parte de tras do taller e fracturala cun obxecto contundente. Unha vez dentro apoderáronse dun teléfono móbil e uns 80 euros en metálico.
A raíz da denuncia iniciáronse as investigacións que levaron á detención deste individuo por un delito de roubo con forza o día 25 de novembro ás 10.45 horas da mañá.
Unha vez en dependencias policiais, tramitouse o correspondente atestado policial e o detido foi posto a disposición da Autoridade Xudicial que o deixou en liberdade. Curiosamente ás poucas horas volveu ser identificado por un furto nun supermercado da cidade, aínda que os titulares do establecemento non presentaron denuncia.
Signifícase que ao detido lle constan varios antecedentes por feitos similares.