O alcalde de Vilagarcía reclama a Rueda a humanización das avenidas de acceso á cidade
Por Redacción
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, mantivo este mércores unha reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a quen lle transmitiu as principais reivindicacións do concello diante do goberno autonómico.
A sanidade, as infraestruturas, a ampliación do solo industrial ou a mellora da financiación das entidades locais, foron algúns dos asuntos tratados, nunha xuntanza moi cordial segundo transmitiu o gabinete de comuniciación do Concello.
Alberto Varela aproveitou a ocasión para reivindicar diante do máximo responsable da Xunta a adopción das medidas "necesarias e estruturais" que garantan que o Punto de Atención Continuada (PAC) estea "sempre cuberto" con facultativos. Igualmente, que se reforce a Atención Primaria, de xeito que se garanta, tamén, unha correcta atención sanitaria á poboación. O alcalde esixiu, como xa o fixera o día anterior ante o conselleiro de Sanidade, unha solución definitiva á atención médica, para que non se repitan episodios como os dos días pasados, coa poboación duplicada e os PACs sen facultativos.
No caso das infraestruturas, Varela Paz insistiu na humanización das vías de acceso á cidade, "adaptándoas aos parámetros de mobilidade e accesibilidade do noso tempo". É o caso das avenidas de Rosalía de Castro, que une Carril con Vilagarcía, e das de Cambados e Vilanova, que supoñen a entrada e saída da cidade cara o Sur e, polo tanto, ao Salnés.
Neste mesmo aspecto, o rexedor insistiu diante de Alfonso Rueda que e preciso avanzar na creación da estación intermodal de Vilagarcía, unha vez que o concello xa conseguiu a concesión administrativa dos terreos necesarios, por parte do Administración de Infraestruturas Ferroviarias, Adif. No mesmo sentido, o alcalde reclamou seguir camiñando cara unha mellor seguridade vial, e especialmente no caso da estrada que une Bamio con Carril, dotando á totalidade desa vía das correspondentes beirarrúas.
Por outra banda, o rexedor interesou do presidente da Xunta outra vella reivindicación do concello, pero tamén do tecido produtivo e empresarial da cidade: a creación do solo industrial, executando para iso a ampliación do polígono industrial do Pousadoiro.
Por último, alcalde e presidente da Xunta abordaron outras cuestións máis xerais que afectan aos concellos, cuxa federación galega preside o propio Varela. Deste xeito, este insistiu en incrementar a financiación das entidades locais e os servizos de dependencia, con mención expresa dos de atención no fogar (SAF).