As lembranzas da xente de Bueu impulsan o ciclo 'O tempo ten memoria'
Por Redacción
Desde este 27 de xullo ata o 24 de agosto, o Centro Social do Mar de Bueu acollerá todos os mércores un ciclo de actividades e conferencias baixo o título 'O tempo ten memoria'. Trátase dunha iniciativa do colectivo "O mar por diante" e do Concello de Bueu coa intención de destacar os recordos da vila e dos seus habitantes.
Na sesión deste mércores 27 actuarán Hugo Rodríguez e Anna Senn cun concerto sobre a música no exilio. As xornadas continuarán o mércores 3 de agosto coa mesa redonda titulada 'Texto e territorio II', coa participación de autores de Bueu. Ao longo da sesión reflexionarase sobre a crreación e de que forma se recolle a Bueu na literatura. Participarán Antía Novas, Álvaro Otero, Suso Portela e Salvador Rodríguez. Salvador Castro encargarase da moderación deste faladoiro.
Arturo Sánchez Cidrás ofrecerá o 10 de agosto unha conferencia denominada 'Xentes de Bueu' analizando a personaxes históricos do municipio. O 17 de agosto celebrarase 'Novelar a guerra', unha mesa redonda coa participación da autora Montse Fajardo; Xina Vega e Francisco R. Pastoriza. Nesta sesión, os participantes falarán sobre a forma en que a guerra aparece recollida nas súas obras.
As actividades finalizarán o 24 de agosto coa proxección da curtametraxe 'O estrobo no tolete', obra de Manuel Yáñez e dirixida por Xaime Toxo. Trátase dunha proposta audiovisual con textos e imaxes que relacionan a memoria coa arqueoloxía emocional do territorio.
Todas as actividades do ciclo 'O tempo ten memoria' comezarán ás 20.30 horas na sede do Centro Social do Mar.