Os fogos artificiais que se cancelaron en San Xoán non contaban cos permisos necesarios
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de festexos de Poio, o nacionalista Xosé Luis Martínez, admitiu no pleno municipal deste martes que os fogos artificiais programados para o peche das festas de San Xoán, o día 26 de xuño, non contaban cos permisos necesarios que esixe a lei.
A tirada de fogos fora cancelada catro días antes da súa tirada "por causa da climatoloxía", xustificou o Concello de Poio naquel momento. Sen embargo, o grupo municipal do Partido Popular comprobou que a contratación dos fogos se formalizou o 17 de xuño, mentres que o Regulamento de artigos pirotécnicos esixe solicitar o permiso á Delegación de Goberno cunha antelación mínima de 15 días hábiles respecto da celebración, motivo polo que era imposible que os fogos tivesen os permisos preceptivos.
"Ante as irregularidades e incongruencias detectadas", os populares preguntaron no pleno de xuño se a tirada de fogos artificiais tiña os permisos legais e cal fora a verdadeira causa da súa cancelación e foi este martes cando Martínez admitiu que "por un tema administrativo", os fogos non contaban con permiso pero que el "desconoñecía" esta circunstancia e que os técnicos municipais contestarán máis adiante "coas razóns, que eu desconozo".
Para a concelleira do PP, Rocío Cochón o sucedido é "unha grave irresponsabilidade e demostra a capacidade do Tripartito para mentira e a chapuza e a súa incapacidade para xestionar". Ademais, Cochón lamentou que o nacionalista queira "desviar a atención e poñer de escudos humanos aos funcionarios municipais" cando "o único responsable político de que unha actividade municipal non conte cos permisos necesarios é o concelleiro que a organiza e o Alcalde por poñelo aí".