Patrimonio autoriza a restauración do cruceiro de Campañó
Por Natalia Puga
A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia deu luz verde ao comezo do plan de restauración patrimonial de cruceiros que deseñou o Concello de Pontevedra. Nunha reunión celebrada este martes en Santiago deuse autorización para recuperar o cruceiro de Casaldomendo, na parroquia de Campañó, o primeiro dunha lista de 30 cruceiros do rural nos que se prevé actuar.
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, explicou este mércores que se trata dunha actuación que se consideraba prioritaria para este ano e, unha vez recibida a autorización de Patrimonio, os traballos empezarán a vindeira semana.
A recuperación deste cruceiro ten un orzamento global de 12.511 euros e incluirá tanto a restauración da propia escultura como a mellora do pavimento e reordenación do tráfico na súa contorna. Está previsto que estea finalizado de cara o Nadal.
En relación co propio cruceiro, atópase nun estado de conservación moi precario e para a súa restauración trasladarase ao taller da empresa adxudicataria dos traballos. Alí limparase a peza, retiraranse as varillas e outros elementos metálicos que se adheriron á escultura nos últimos anos e, finalmente, restaurarase a estrutura orixinal.
Segundo sinalou Bará, "hai partes irrecuperables" tanto polo paso dos anos como por intentos de restauración anterior realizados de forma incorrecta, pero boa parte do cruceiro si pode rehabilitarse. Para iso, haberá que facer ata enxertos de granito para recuperar algunha das partes.
Os traballos na contorna realizaranos as brigadas municipais e conlevarán unha repavimentación e a construción dun círculo protector para que os coches non poidan chegar á base do cruceiro. Tamén se procederá á reordenación do tráfico na contorna. Ata agora o cruceiro utilizábase a modo de rotonda, pero a nova ordenación da circulación evitará esta circunstancia cunha nova sinalización e pintado da calzada.
O Plan de cruceiros que inaugura o de Campañó nace co obxectivo de recuperar 30 dos cruceiros situados nas parroquias do rural. Os seguintes serán dous en Santa María de Xeve (Gatomorto de Arriba e Gatomorto de Abaixo), dous en Alba (Reiriz e Ponche Cabas), un en Mourente (San Amaro) e un en Salcedo (Covas), pero seguirase traballando máis e nos próximos tres anos investiranse 150.000 euros para conservar, restaurar, protexer, limpar e divulgar cruceiros de máis de cen anos de antigüidade, algúns deles declarados Ben de Interese Cultural.