Vilagarcía humaniza a rúa Sobrán dotándoa de todos os servizos
Por Redacción
A rúa Sobrán de Vilagarcía está a ser reformada para converterse nunha vía humanizada de plataforma única, con servizos e estética renovados, acorde das esixencias de mobilidade e seguridade no século XXI. A Deputación de Pontevedra achegou un investimento de 600.000 euros.
A presidenta provincial Carmela Silva, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela visitaron este mércores a obra que "está a experimentar unha transformación histórica e é un espello do que queremos ser".
Neste senso, Carmela Silva incidiu en que o proxecto desenvolvido polo Concello cumpre todos os parámetros do modelo promovido desde a Deputación desde hai sete anos cun "compromiso firme para facilitar a modernización dos municipios" e que está permitindo "transformar a provincia como non se vira antes".
Pola súa banda, o alcalde, Alberto Varela, puxo o énfase en que o "compromiso inversor que está a amosar a Deputación" que, segundo valorou, "non ten comparación con outras administracións".
Varela apuntou que "as tripas da cidade necesitan unha renovación completa" e a renovación do saneamento e abastecemento estase a desenvolver dun xeito paulatino, de xeito que a rúa Sobrán era unha das máis urxentes "e moi demandada pola veciñanza".
Apuntou que o estado dos servizos obrigaba a realizar continuas reparacións e este investimento de máis de medio millón de euros vai na súa maior parte encamiñado a resolver "este problema histórico" no eido subterráneo.
As obras, que se prevé que estean rematadas antes de finais de ano, desenvólvense nun treito de medio quilómetro da rúa, nunha superficie de 4.000 metros cadrados na que se disporá, tras a renovación dos servizos de abastecemento e saneamento, unha plataforma única, con prioridade para as persoas e un deseño que coidará especialmente a estética, como engadiu Varela, no pavimento, debido á presenza de elementos patrimoniais como a igrexa de San Martiño e o Pazo de Sobrán.
Tras as obras, implantarase a velocidade máxima de circulación de 20 quilómetros por hora para garantir a seguridade das persoas e "porque a mobilidade sostible é o que pide o planeta; hoxe que falamos dos incendios hai que lembrar que pequenos xestos como cambiar a mobilidade das cidades vai influír moito".