A causa sen xulgar máis antiga de España sentará a Nené Barral no banco por contrabando e suborno
Por Natalia Puga
Doce persoas están citadas para sentar no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra a próxima semana. Farano para xulgar a causa pendente de xuízo máis antiga de España e que, ademais, poñerá finalmente ante o tribunal a Nené Barral, o político que foi alcalde de Ribadumia durante 18 anos e que, aos 78 anos, está acusado de contrabando, suborno e asociación ilícita.
O xuízo celebrarase previsiblemente a partir do próximo martes 26 de xullo na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, que fixou para facelo tres xornadas.
A causa é tan antiga que se remonta a hai 21 anos. O propio Nené Barral foi detido en relación con este procedemento en maio do ano 2001, un arresto que motivou a súa dimisión como alcalde do PP, aínda que anos máis tarde volvería á política con Independentes por Ribadumia
A tardanza en chegar a xuízo provocou que tres os procesados xa falecesen e que Nené Barril sente no banco dos acusados case octoxenario.
Nené Barral, considerado durante anos uno dos principais capos do contrabando en Galicia, é, segundo a Fiscalía, o líder da organización criminal que chega agora a xuízo, e pide que sexa condenado a 10 anos de prisión e o pago dunha multa de 15 millóns de euros.
Esta causa, que ten orixe nunha investigación do xuíz José Antonio Vázquez Taín na súa etapa en Vilagarcía de Arousa e nun alixo de dous contedores de tabaco ilegal en Vigo, tamén senta no banco ao irmán do ex alcalde de Ribadumia, Feliciano Barral.
A causa é de 2001, aínda que os feitos que lle atribúe a Fiscalía empezaron mesmo antes, en 1996. Así, o ministerio público sostén que Barral actuou “#de acordo con outras persoas de nacionalidade portuguesa, holandesa, suíza, croata, norteamericana, inglesa e polaca" e que todos integraban "en Europa e en España, fundamentalmente na Comunidade Autónoma Galega (nas provincias da Coruña e Pontevedra)" un grupo "organizado, estable con proxección internacional, e delimitada asignación de tarefas e xerarquización entre os seus membros".
Segundo o fiscal, entre 1996 e a desarticulación do grupo en maio de 2001, traballaron "coa finalidade de procurar a introdución en España e no territorio da Unión Europea de importantes partidas de labores de tabaco de procedencia extracomunitaria, por vía marítima e terrestre, así como a través de contedor”.
A acusación sinala que este grupo dispón de dous pesqueiros e un buque mercante para a súa actividade e que, con ela, "causan un prexuízo económico tanto á Facenda Pública estatal como aos orzamentos da Unión Europea".
O mando desta asociación era asumido por Barral, maior de idade e sen antecedentes penais no momento da comisión dos feitos, que o fiscal considera que ostentaba "a máxima capacidade de decisión nese grupo en territorio español", proxectando, planificando e dirixindo os labores para desempeñar polos demais compoñentes da mesma.
O seu irmán, tamén sen antecedentes penais no momento dos feitos, en cumprimento das ordes directas de Nené Barral, exercía funcións de enlazar o mando superior cos integrantes do mando intermedio.
Entre os acusados tamén figuran tres axentes de Vixilancia Aduaneira. Un deles, informaba á asociación dos plans operativos que Vixilancia Aduaneira realizaba por vía marítima e aérea e das mesmas investigacións en curso, sendo esta información "de gran importancia para realizar a súa actividade delituosa, dirixida a proporcionar impunidade".
Os outros dous, na súa condición de observadores aéreos a bordo de aeronaves de Vixilancia Aduaneira, realizaban oficialmente a exploración ao oeste da costa galega e tiñan como misión a vixilancia de obxectivos sospeitosos de dirixirse cara ás costas galegas con mercadorías ilícitas, tabaco de contrabando ou substancias estupefacientes.
No banco tamén sentarán dous axentes da Garda Civil. Un deles estaba relacionado cos irmáns Barral, que mantiña con eles contactos persoais e telefónicos "destinados a trasladar información de que tiña coñecemento pola súa función en canto fóra de interese para os fins da asociación".
Estes axentes da orde están todos acusados de revelación de segredos por funcionario público.
Relacionadas:
-
A anulación das escoitas fai cambalear o caso contra 'Nené' Barral por contrabando
Por Redacción |
-
O regreso de Nené Barral ante un tribunal terá que seguir esperando
Por Natalia Puga |
-
Nené Barral, no banco por contrabando 21 anos despois da súa detención
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Nené Barral, por fin no banco dos acusados?
Por Redacción |
-
Aprazado sen data o xuízo contra Nené Barral por contrabando e suborno
Por Natalia Puga |
-
Absolto Nené Barral e outros 15 acusados na operación Trucarro tras anular as escoitas telefónicas
Por Redacción |
-
Así é Fariña, a serie sobre o narcotráfico galego que Antena 3 estrea hoxe
Por Alejandro Espiño |
-
O banco dos acusados da Audiencia de Pontevedra espera a Nené Barral e a Sito Miñanco
Por Redacción |
-
A Axencia Tributaria rexistra varias casas da familia de Nené Barral
Por Redacción |
-
'Nené' Barral será xulgado o próximo 20 de xaneiro por dous delitos contra a facenda pública
Por Redacción |
-
Vázquez Taín: "A pregunta é: cantos medios publicaran abertamente no 2001 que Marcial Dorado era narcotraficante"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |