O bar Puente de Portonovo destinará toda a caixa do día do Carme ao cancro infantil
Por María José Pita
Os propietarios do café-bar e bocatería El Puente de Portonovo anuncian que doarán toda a facturación bruta deste sábado 16 de xullo, día do Carme, á investigación e atención da oncoloxía pediátrica.
Segundo informa o Concello de Sanxenxo, que apoia esta iniciativa, "a enfermidade golpeou moi de preto á familia que quere desta forma colaborar pondo un graniño de area que permita avanzar en posibles tratamentos que fagan posible a curación ou, polo menos, unha mellor calidade de vida dos enfermos".
Fontes municipais recollen a reflexión de Paula Ferreira, a propietaria do café-bar: "Dáste conta cando pasas un mes nun hospital de todo o que fai falta e o que habería que mellorar. Queremos tamén agradecer o labor da AECC que sempre estivo aí as 24 horas".
A iniciativa xa conseguiu espertar a solidariedade de multitude de persoas, que se ofreceron a participar nesta xornada doando produtos que serán vendidos a un prezo simbólico. O bar contará ademais con animación musical ao longo de todo o día a cargo de grupos locais.
Como anuncio desta acción solidaria, os propietarios do bar El Puente publicaron unha emotiva mensaxe nas súas redes sociais na que quixeron agradecer o labor dos profesionais da oncoloxía pediátrica, ás familias "de todos eses valentes loitadores" e aos "nen@s que inxustamente levan días, meses ou incluso anos vivindo nun hospital, loitando contra o peor inimigo que poida existir".
"Cando che toca coñecer en primeira persoa a todos eles, a vida cámbiache. Valoras máis. Queres máis. E por todos eles hoxe estamos aquí para pedirvos que nos axudedes!", sinalaban no seu chamamento á colaboración de todo aquel que poida achegarse polo local situado na rúa Rafael Picó número 18 en Portonovo (Sanxenxo).
Relacionadas:
-
RADIO.- Abertas as inscricións da IV marcha contra o cancro, que se retoma tras dúas edicións suspendidas
Por Redacción |
-
Pancho de la Barrera, un bombeiro vilagarcián que loita contra o cancro infantil cos seus bonecos viaxeiros
Por María José Pita |
-
Recadación popular en Campo Lameiro a prol da loita contra o cancro infantil
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
O Día Mundial contra o Cancro Infantil tingue de amarelo o Pazo Provincial
Por Redacción |