Negociacións entre o Concello e o Arcebispado de Santiago para ceder o campo da festa de Dorrón
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo e Arcebispado de Santiago teñen en marcha negociacións para a firma dun convenio de cesión de uso gratuíto de 29 anos do campo da festa de Dorrón.
Os contactos comezaron hai xa meses e, nestes momentos, segundo informa o Concello, "están a perfilarse as cláusulas do acordo".
A cesión sería a 29 anos e, pasado este tempo, iríase prorrogando ano a ano de forma automática se ningunha das partes manifesta oposición respecto diso.
Este convenio permitirá executar a remodelación do campo, que ten unha superficie de 1.407 metros cadrados. O Concello xa ten un proxecto para poñer en valor este espazo da parroquia para o goce dos veciños cun orzamento de 200.000 euros.
Esta actuación busca potenciar o valor paisaxístico e natural da contorna, destacando a súa función como miradoiro sobre o val e a costa e a súa alameda formada por carballos coa mellora dos espazos de estancia e descanso.
No marco deste convenio, fixaranse condicións que, nalgúns casos, obrigan á modificación do proxecto orixinal.
Así, a superficie do campo de festas deberá ser de xabre-cemento ou grava, pero en ningún caso poderá empregarse asfalto ou material semellante. Inicialmente, no proxecto estaba previsto un chan de granito que substituiría o actual chan de asfalto.
O palco debe recolocarse ao fondo da parcela, mantendo polo menos unha distancia de metro e medio do carballo que hoxe se atopa no medio do palco.
As bancadas ennobleceranse tal e como estaba previsto no proxecto con madeira tratada ou material que non desentoe coas características do campo, pero sen que poida procederse á súa derriba.
O muro de contención que pecha o campo de festas deberá ser arrombado, respectando a capela existente de uso exclusivo da Igrexa.
Ademais, incluirase un estudo sobre o estado dos carballos da actual alameda como un ben natural a protexer.
Relacionadas:
-
A Iglesia cede o uso do campo das festas de Dorrón para que o Concello o remodele
Por Redacción |
-
O concello espera polo Arcebispado para poder licitar as obras do campo de festas de Dorrón
Por Redacción |
-
O "festival cultural" de Sanxenxo programa máis 40 actividades en 21 localizacións diferentes este verán
Por Redacción |
-
O proxecto para remodelar o campo de festas de Dorrón xa está listo
Por Redacción |