A CIG pide á Fiscalía que investigue a xestión do transporte sanitario na área de Pontevedra-O Salnés
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A CIG e o comité de empresa de Ambulancias Civera pediron á Fiscalía que investigue a xestión do transporte sanitario na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés xa que entenden que "non se pode permitir que por ineptitudes e por desidias haxa mortos ou xente grave por falta de organización e por falta dalgunha ambulancia".
O responsable de transportes do sindicato CIG, Xabier Aboi, lembrou algúns casos ocorridos nas últimas semanas como o dunha nena de 12 meses con traumatismo cranioencefálico moi grave que estivo a esperar unha hora por un traslado, o octoxenario que esperou 20 horas en Sanxenxo pola ambulancia, outro paciente que faleceu despois de agardar 45 minutos ou mesmo o falecemento dunha moza de 21 anos con covid "que morreu porque non había unha medicalizada en Vilagarcía".
"O que está a pasar coas ambulancias é o mesmo que está a pasar cos centros de saúde ou cos hospitais", sinalou Aboi que acusa á Xerencia da área sanitaria e á Consellería de Sanidade de estar a levar a cabo unha "privatización salvaxe da Sanidade".
Xabier Aboi criticou que "para tapar a súa propia incompetencia" o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, "amenta" para "lavarlle a cara á empresa" Ambulancias Civera que, desde abril de 2021, é a concesionaria do servizo de transporte sanitario non urxente e do hospitalario urxente.
José Ramón Gómez apuntara entre as "melloras" implementadas pola concesionaria estaba o aumento das ambulancias medicalizadas, que pasaron de dúas a tres, cifrando en 38 o total de vehículos e engadindo tamén o aumento do persoal ata os 81 traballadores, 14 máis.
Pola súa banda, Xabier Aboi replica antes había máis ambulancias, un total de 45, e que estaban "mellor organizadas" xa que o sistema utilizado por esta empresa valenciana "é un desastre, porque llo permitiron".
A CIG reiterou a súa petición de cesamento de toda a Xerencia da área sanitaria de Pontevedra – O Salnés ao considerar que "a única solución que hai aquí é cesar a todo o equipo directivo" e pide ao Sergas que actúe xa que "o problema é quen permite que haxa este caos" que leva a que 190 ambulancias estivesen inoperativas ao longo dos seis últimos meses.
"Se houbese vergoña na Fiscalía de Pontevedra, no canto de dedicarse a correr polas beiras do Lérez co presidente da Xunta, que investigue o que está a pasar", dixo Xabier Aboi que reitera a súa petición para que se inspeccione esta situación, a pesar de que "non nos vai a facer caso".
Para Aboi, o que está a acontecer é consecuencia directa de abaratar o concurso (hai unha diferencia de 27.000 euros ao ano por ambulancia con respecto por exemplo a Santiago). "O resultado é un servizo cada vez peor e máis desorganizado, porque a coordinación faise dende Valencia" que segundo Aboi "non saben nin onde están todas as ambulancias en cada momento, porque teñen un programa informático de baixo custe".
Por iso instou á empresa a cumprir o prego de condicións no referente ás ambulancias suplentes e a organizar mellor o servizo. E á Administración a velar polo cumprimento dos contratos públicos para rematar co "caos" existente no servizo na actualidade.
Relacionadas:
-
Persoal de Ambulancias Civera péchase no Hospital Montecelo para denunciar impagos do salario
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Ambulancias Civera responde ás acusacións da CIG e admite que o concurso do servizo foi "deficitario desde o principio"
Por Redacción |
-
A CIG esixe o rescate da concesión do transporte sanitario programado de Pontevedra-O Salnés
Por Redacción |
-
Traballadores das ambulancias da área sanitaria Pontevedra-Salnés denuncian graves carencias no servizo
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Lamentan que a Xerencia da área sanitaria siga no propósito de pechar camas
Por Oskar Viéitez |