Emula a Mike Tyson e arríncalle media orella a un ecuatoriano
Por Natalia Puga
Un mozo de orixe dominicana emulou na madrugada do sábado o ex boxeador estadounidense Mike Tyson cando arrancou parte dunha orella a un opoñente no ring. Se é o caso, o rapaz deu un bocado a outro mozo co que se estaba a pelexar.
O incidente produciuse arredor das 6.00 horas da madrugada do sábado ao domingo no exterior dun coñecido pub da rúa Benito Corbal. Ambos os dous mozos enleáronse nunha pelexa e, no trascurso desta, un quedou sen media orella e o outro sufriu lesións.
Minutos máis tarde, sobre as 6.40 horas, unha patrulla da Policía Nacional que facía labores de vixilancia na Praza da Peregrina cruzouse cun deles e, ao ver que tiña parte da orella desprendida e a roupa manchada de sangue, entrevistáronse con el.
O rapaz, D.A.C.R., de 20 anos, relatoulles que tivera unha discusión no interior dun pub e, cando saíu ao exterior, un mozo que responde ás iniciais G.C.A. e é de orixe dominicana, deulle un bocado na orella mentres unha terceira persoa, unha rapaza de orixe colombiana, o agarraba.
Xusto nese momento, o segundo individuo, de 24 anos, apareceu pola zona sen camiseta e manchada de sangue. Ao ver a Policía, escapou correndo, sendo interceptado aos poucos metros.
Finalmente, a Policía detivo ambos os dous por un delito de lesións ao considerar que se agrediron mútuamente e os trasladou á Comisaría. Á terceira moza supostamente implicada no incidente identificárona e imputaron, pero non a detiveron. Resulta significativo que os dous detidos xa teñen antecedentes policiais por feitos similares.