Poio, Marín e Cerdedo-Cotobade reciben unha nova inxección de 950.000 euros do Plan Concellos
Por Natalia Puga
Os concellos de Poio, Marín e Cerdedo-Cotobade recibirán unha importante achega de fondos dentro do Plan Concellos da Deputación. A Xunta de Goberno provincial celebrada este venres aprobou investimentos en sete novos concellos por un importe de 1,46 millóns de euros, dos que 950.000 serán para estes tres concellos de Pontevedra e O Morrazo e os fondos restantes chegarán a Covelo, Dozón, A Guarda e Pontecesures.
A presidenta de Deputación Provincial, Carmela Silva, deu conta destes investimentos na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno e destacou que Poio recibirá a maior dotación de fondos, 501.376 euros. A Marín destinaranse 284.309 euros e a Cerdedo-Cotobade, 98.835 euros.
O Concello de Poio recibirá achegas para dúas actuacións que permitirán realizar obras de humanización en dúas parroquias, San Xoán e Samieira.
Así, destinaranse 351.584 euros serán para a mellora do firme e a renovación e dotación da rede de abastecemento, saneamento e pluviais en Arén, na parroquia de Samieira; e 149.792 euros para mellorar o firme, instalar alumeado público soterrado e realizar a previsión para a baixada das liñas aéreas eléctricas e de telefonía no Camiño da Paradela, en Liñares, na parroquia de San Xoán.
No caso de Marín, os fondos irán destinados ao mantemento do firme de tres quilómetros de camiños rurais nas parroquias de San Xián, San Xurxo (Mogor), Nosa Señora do Carme (Seixo), Santa María (O Campo), Santo Tomé de Piñeiro e Santa María (Ardán).
En Cerdedo-Cotobade, a achega provincial irá destinada a construír unha EDAR con humedais artificiais na parroquia de Quireza. Esta instalación quere minimizar o impacto das augas residuais dos lugares dos Castros e do Outeiro empregando un método de depuración que se integra na forma de vida da zona.
Relacionadas:
-
Un novo depósito de abastecemento de auga para os veciños de Loureiro
Por Redacción |
-
Os "Xogos de verán" chegan este luns a Lourido
Por Redacción |
-
A Deputación aproba 2 millóns de euros en investimentos para 8 concellos
Por Oskar Viéitez |
-
O Plan Concellos achega novas axudas para Vilagarcía, Campo Lameiro, Poio e Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
Plataforma única e itinerarios peonís para o ámbito do centro de saúde de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Poio proxecta a rehabilitación e ampliación da antiga escola unitaria de Arén
Por Redacción |