O baile vai por barrios... e empeza este sábado en Monte Porreiro
Por Redacción
O Concello de Pontevedra porá en marcha a partir deste sábado a iniciativa 'O Baile vai por Barrios', que pretende achegar a danza e o baile aos barrios de Pontevedra.
A actividade, organizada pola Concellería de Deportes e Saúde en colaboración coa escola Getting Jiggy Dance Studio, terá o seu evento inaugural este sábado entre as 20.00 e as 23.00 horas na Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro.
O evento está aberto a toda a cidadanía e arrincará cunha clase de hip hop de nivel iniciación, seguida doutra de cardio latino de nivel aberto. A partir das 21:15 horas, haberá unha aula de baile latino en parella de nivel iniciación duns 45 minutos, que dará paso a un show a cargo da escola Getting Jiggy e, entre as 22.15 e as 23.00 horas, a unha festa latina na rúa.
Trátase dunha iniciativa que segue a filosofía do programa municipal A Vida é Movernos, animar a xente de tódalas idades a facer actividade física ao aire libre e a pasar un bo rato e este xoves presentárona o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e os bailaríns e coreógrafos Verónica Aboy e Luciano Gomes.
Tino Fernández sinalou que o baile ten a dobre característica de ser unha actividade física importante, sobre todo se se fai ben, e tamén unha forma de socializar e de traer alegría ao conxunto da poboación. "Cando un baila, síntese ben, contento, satisfeito, e polo tanto, esa parte de A Vida é Movernos destinada a loitar contra a tristeza e a depresión, cúmprese totalmente cando se organiza un evento como este", sinalou.
O obxectivo do concelleiro de Deportes e que a actividade poida levarse a outros barrios e zonas de Pontevedra.
Relacionadas:
-
A Vida é Movernos fusiónase co Metrosán para crear un calendario de "Camiñadas"
Por Manu Otero |
-
Sábado de danza participativa na rúa para superar situacións de tristeza
Por Anxo Lourido |
-
Unha rolda de talleres para levar a 'musicoterapia' a diferentes asociacións sociosanitarias
Por Redacción |
-
Animan a participar nunha actividade que combina baile, andaina, tonificación e estiramentos
Por Redacción |
-
Danza para 'movernos' na Praza da Ferrería
Por Redacción & Mónica Patxot |