Pontevedra promete unha proposta "potente" para ser a Capital Española da Gastronomía 2023
Por Alejandro Espiño
A cidade de Pontevedra presentará unha proposta "potente" para conseguir ser elixida como Capital Española da Gastronomía no ano 2023. Así llo trasladou este martes o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, á entidade que impulsa este recoñecemento. Foi durante a recepción que ofreceu a Pedro Palacios, director xeral de este organismo.
Pontevedra terá que presentar o seu proxecto antes do 1 de outubro, xa que o nome da cidade gañadora coñecerase o 18 de novembro.
De cara a 2023 haberá unha forte competencia, segundo Palacios. Pontevedra foi a primeira en postularse, pero tamén o fixo Cuenca, que xa foi candidata en dúas ocasións e non saíu elixida. Oviedo e Antequera avanzaron que tamén se presentarán a este proceso.
"Este galardón se otorga a aquella ciudad que más ha destacado en emplear la gastronomía como atractivo turístico, en su concepto más amplio", explicou o director xeral.
Pedro Palacios afirmou que "para la gente a la que nos gusta el 'buen comer', estar en Pontevedra y en Galicia es llegar a las puertas del paraíso", polo que "resulta incomprensible" que nos dez anos que levan con este proxecto, nunca antes se tivese postulado unha cidade galega.
O responsable destes galardóns aventurou un "buen recorrido" á candidatura de Pontevedra e apuntou que este premio "es la plataforma más eficiente para promover la gastronomía", cun programa de actividades que enche de contido as diferentes estacións do ano.
Fernández Lores, pola súa banda, destacou que Pontevedra "é un referente en moitas cousas", tamén na gastronomía, xa que "temos unha altísima calidade de restauración, cun prezo máis razoable que outras localizacións".
Neste sentido, o alcalde asegurou que "hai motivos máis que suficientes" para que Pontevedra sexa a elixida e que "nós imos facer un esforzo importante para presentar un proxecto potente e no que estará ben xustificado o por que nos deben conceder este título".
"Imos competir con dignidade e agardamos convencer ao xurado para que Pontevedra sexa Capital Gastronómica neste 2023 e se non tentaremos facelo en 2024", concluíu.