A feira multisectorial de Campo Lameiro anima un caloroso día no municipio
Por Redacción
As altas temperaturas deste domingo foron un verdadeiro desafío para a feira multisectorial de Campo Lameiro que, a pesar desta circunstancia, logrou atraer a numeroso público.
Uns sesenta expositores artesanais participaron nesta mostra, que se instalou nas inmediacións da casa consistorial e da carballeira do municipio.
Na feira, o público puido atopar produtos gastronómicos de todo tipo, plantas e froiteiras, bixutería, cosmética, libros, colonias e xabóns, aceites e cremas, roupa e calzado, antigüidades, reloxos ou xoguetes de madeira, entre outros.
Outro dos atractivos da feira multisectorial foron os distintos obradoiros de pimentón, queixo, perforadores, arte rupestre e lume que estiveron moi concurridos polo público infantil que encheu coa súa participación estes espazos demostrativos.
Paralelamente á celebración da feira multisectorial tiveron lugar exhibicións de cans guías que amosaron como se tutela e pastorea a un grupo de ocas ante a atenta mirada do público que se congregou nos arredores da carballeira.
A xornada contou coa animación musical de rúa a cargo da Charanga Os Encerellados que pese á intensa calor reinante durante todo o día non deixaron de tocar e trasladar ritmos frescos e trepidantes para manter o espírito de festa presente ao longo da mostra.
O xantar estivo atendido a través dun posto de polbo á feira servido por Pulpería A Fuchela así como diversos stands alimenticios, cervexa artesana, food trucks, xamoneiría e queixerías.
O broche final da celebración foi a actuación de Galifunk Brass, unha agrupación que está a causar unha gran sensación entre os amantes da música en directo.