ConBdeBarro regresa ao municipio con 15 actuacións e diversas actividades para todas as idades
Por Redacción
O programa cultural ConBdeBarro xa é un habitual no municipio tras iniciarse en plena pandemia e asentarse con creces na programación anual.
Co obxectivo de que a crise sanitaria non impedise a celebración de actos culturais, o Concello de Barro optou por organizar actuacións en pequeno formato divididas polas aldeas, reducindo así a posibilidade de contaxios.
O formato, segundo o goberno municipal, "gustou moito tanto a artistas como ao público", polo que decidiron incluílo neste 2022.
Nesta ocasión, ConBdeBarro contará cun total de 15 actuacións que percorrerán as parroquias e os lugares máis emblemáticos da localidade durante os meses de xullo, agosto e setembro.
A maior parte de artistas e grupos pertencen ao municipio para que "a veciñanza o sinta e o goce moito máis".
No terreo musical, actuarán os grupos Ballet Folclórico Alborada e Grupo Folclórico Raigames do Centro Galego de Montevideo; o Grupo de Danzas 'Amor Ruibal' de Barro; a Banda de música xuvenil de Barro; O son da Pedra Meiga; Madia Leva; Moon Cresta; Mudland e Os amigos do acordeón Rias Baixas.
Os máis cativos poderán disfrutar do Mago Noel, do espectáculo de circo O autoestopista intergaláctico, coa proxección ao aire libre da película 'Bella' e o circo máxico o día 30 de xullo e de Live is life o día 13 de agosto.
Como novidade deste ano, crearon un ciclo de concertos nos Xardíns do Pazo da Crega, onde estarán Caamaño e Ameixeiras; e Iván Abalo e Marcelo Dobode.
O broche de ouro ao programa o porá a escola de danza Plié Dance School cunha exhibición o día 24 de setembro, apostando "decididamente por unha cultura de proximidade e por un rural rico e activo social e culturalmente".